Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Xunta acelera dous parques eólicos en Laxe e Cabana pese a forte oposición

A Xunta acelera dous parques eólicos en Laxe e Cabana pese a forte oposición
Serra do Gonton en Cabana ameazada por un parque eolico A Serra do Gontón en Cabana ameazada por un parque eólico-Foto-Salvemos Cabana Pouco importa que un concello e as súas asociacións se declare “libre de eólicos”. Menos importa aínda que as obras ameacen un esteiro e unha ave protexida, ou que haia un castelo medieval afectado. Non parece importante que o propio Catálogo da Paisaxe desaconselle a creación de novos parques. E tampouco importa a oposición de boa parte da cidadanía afectada, de grupos ecoloxistas, da Axencia Turismo de Galicia ou do Instituto de Estudos do Territorio. A Xunta segue adiante con dous proxectos eólicos na comarca de Bergantiños. Coñecíamos a semana pasada a apertura do proxecto Mouriños, que ameaza a serra do Gontón, en Cabana e Zas (atópase en fase de exposición pública). Mentres, a Xunta vén de aprobar o documento ambiental do parque eólico Pena Forcada-Catasol II no municipio de Laxe. “Estes dous parques eólicos invaden os tramos libres de eólicos da Costa da Morte”, denuncia a Asociación Petón do Lobo.

O Concello de Laxe e a Asociación Contramínate inician recursos

A resposta é inmediata. Trala aprobación por parte da Xunta do parque Pena Forcada-Catasol II, según recolle o DOG do 24 de xullo, tanto o Concello de Laxe como as asociacións ecoloxistas que xa interpuxeran alegacións a este proxecto, están decididos a continuar coa oposición pola vía do contencioso administrativo.

Segundo a entidade "Contramínate", a controversia que rodea este parque eólico, que carece de licencia social, pode resumirse en varios puntos:

  • Non se contempla unha Declaración de Impacto Ambiental.
  • Non se xustifica o carácter público e/ou interés social do proxecto, á vista de que o propio Instituto de Estudos do Territorio (IET), na redacción do documento Directrices da Paisaxe de Galicia, determinou a necesidade de repotenciar os parques limítrofes con carácter previo á aprobación de calquer outro parque.
  • Non se respondeu ás alegacións presentadas previamente recollidas no expediente 2010/0127, nin se atendeu a necesidade de revisar o Plan eólico de Galicia no tocante aos criterios paisaxísticos, como se solicitou no seu momento.
  • O informe sobre o impacto turístico non figuraba no expediente, senón que se incorporou con posterioridade, sen pronunciamento expreso ao respecto por parte da Axencia Turismo de Galicia.
  • Polo tanto, descoñécese o contido dese informe sobre do impacto turístico e que o mesmo se realizou sen a debida participación do concello de Laxe e do sector hostaleiro, a pesares do evidente e marcado carácter turístico deste municipio.

Valores ambientais

Non cabe dúbida que unha das principais características de Laxe e Cabana de Bergantiños é o seu patrimonio natural, da biodiversidade e a súa riqueza paixasística. Así, dende a entidade bergantiñá consideran que “a Xunta de Galicia lastra unha vez máis o desarrollo da Costa da Morte apostando por Gas Natural Fenosa, a fragmentación da paisaxe, o feísmo paisaxístico e a vulneración do Convenio europeo da Paisaxe vulnerando de paso o dereito da cidadanía á paisaxe e a biodiversidade”. Lamentan que ”no canto de seguir apostando por un desarrollo do turismo sostible e de calidade prefírese seguir apostando polas grandes elites da industria eólica, obviando a repotenciación dos parques existentes e ignorando por completo os criterios paisaxísticos e os dereitos da cidadanía. Québrase a paisaxe, québrase a beleza das cuncas visuais, lástrase o turismo da Costa da Morte e pagaremos máis todos na factura da luz. As incoherencias dos proxectos eólicos e dos documentos ambientais maniféstanse in situ á hora de examinar os valores ambientais, sociais e económicos existentes”. Lembran ademais a cantidade de elementos que corroboran esta importante relación coa natureza. Tanto no concello de Laxe como de Cabana de Bergantiños hai recoñecida, nunha boa parte da súa extensión, por parte da Unión Europea (Rede Natura 2000) e da Comunidade Autónoma de Galicia (Rede Galega de Espazos Protexidos) un patrimonio natural, da biodiversidade e paisaxístico amplo e que a continuación de detalla:: · ZEPVN “Costa da Morte” (ES110033) · ZEPVN “Costa da Morte (Norte)” (ES110034) · Paixase Protexida “Penedos de Pasarela e Traba” · ZEC “Costa da Morte” (ES1110005) · ZEPA “Costa da Morte (Norte)” (ES0000176) · Humedal “Rego de Soesto” (Plan de Recuperación do Escribano Palustre) · Humedal “Trasadunas de Soesto” · Humedal “Lagoa de Traba” · Humeadal “Mórdomo” · Humedal “Redondelo” · Humedal “Brañas Mouras”.

Argumentos

Así en relación ao parque eólico de Laxe, a propia Axencia de Turismo de Galicia sinala no documento ambiental que: “O EsIA non inclúe un estudo de impacto turístico, que a priori non se xustifica a localización do parque tendo en conta o alto número de núcleos de poboación a escasa distancia existentes na contorna e solicita un plano que se reflicta a distancia dos aeroxeneradores aos ditos núcleos e outro cos distintos parques en funcionamento e en fase de autorización na zona”. Ademais, o Instituto de Estudos do Territorio no anteproxecto das Directrices da Paisaxe de Galicia, indicaba entre os obxectivos de calidade paisaxística relacionados cos parques eólicos, que deben respectar a paisaxe, “minimizando o seu impacto no entorno natural e a paisaxe, así como a visibilidade desde as vías de circulación e os núcleos de poboación”, e deben ser “compatibles con outros usos produtivos potenciadores da sustentabilidade natural, económica e social da contorna na que se insiren”.  

Novas relacionadas

Outras novas eólicas

 

Fonte

Comentarios