sábado. 26.07.2025
El tiempo

O BNG critica a "equidistancia" do alcalde de Cabana ante o ataque á guía de Dombate

Xose Penas e Jose Muino en Dombate
O deputado Xose Penas e o alcalde de Cabana Jose Muíño na última visita a Dombate
O BNG critica a "equidistancia" do alcalde de Cabana ante o ataque á guía de Dombate

O pasado sábado, unha guía oficial do Dolmen de Dombate foi insultada e zarandeada por uns visitantes ao remate dunha visita por facela en galego, en cumprimento das normas marcadas pola Deputación da Coruña, titular do monumento. 

As reaccións foron diversas. As redes estouraron de apoio á guía, e mesmo a Deputación enviaba un comunicado rotundo lamentando a situación e apoiando á profesional.

Pero na comarca as mostras de indignación quedaron máis cativas, e de feito, o Concello de Cabana non lanzou ningún comunicado e o seu rexedor se limitou a facer declaracións nalgún medio "apenando ao sentido común", sen máis.

Hoxe sae á voz pública o BNG cabanés, para amosar "o seu apoio total e sen matices a Iria Rivera, e condenar con toda claridade a actitude intolerante e violenta dos agresores". Pero vai máis alá.

"Cabana non necesita visitantes que desprecian a nosa lingua, o noso patrimonio nin a quen o coida e o explica con paixón e coñecemento", sinala nun comunicado o grupo nacionalista. "Cabana precisa apoio institucional, valentía e compromiso co que somos", critican lamentando "profundamente que o alcalde de Cabana, lonxe de condenar os feitos, optase por relativizar a agresión, falar de "muros lingüísticos" e apelar a un “sentidiño común” que, visto o visto, brilla pola súa ausencia".

"Porque, digámolo claro: o problema non é falar galego. O problema é a violencia e o desprezo. Os únicos muros que aquí se levantan son os da intolerancia, da falta de apoio institucional e da vergoñenta equidistancia", sentenzan.
 

Comentarios