Íntegro exporta a súa experiencia en Voluntariado Xuvenil
Non paramos de falar da Asociación INTEGRO para a Diversidade Funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. I é que unha entidade con esta vontade hai que darlle a relevancia que merece. Hoxe, precisamente, a entidade cabanesa apela á vontade, e ao compromiso da veciñanza, e anima a todo o mundo a facerse voluntario.
Faino logo de que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado gravase parte dun vídeo promocional en Cabana, cos usuarios e voluntarios do centro. Pablo Ferradás, un dos dinamizadores do programa de Voluntariado Xuvenil promovido e subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, reuniuse onte coas persoas voluntarias que colaboran na entidade para preparar o vídeo.
Na entidade estaban hoxe dous dos cinco voluntarios que participan no proxecto. Ferradás interesouse por saber que é o que lles aporta a experiencia e coñecer as súas motivacións.
Así, as experiencias dos voluntarios foron gravadas e formarán parte dun vídeo co que promover a acción voluntaria na cidadanía e a participación no programa de voluntariado para seguir animando á xuventude a que se una aos diferentes proxectos de voluntariado, ben sexan locais ou internacionais xa que aportan infinidade de experiencias tanto a nivel persoal como laboral.
O vídeo será difundido pola consellería e poderase ver, entre outras, na páxina voluntariadogalego.org, plataforma de difusión dos programas de voluntariado dependentes do goberno autonómico.
Novas relacionadas
- Íntegro remata a gravación da curtametraxe “Acéndete”.
- Os teatreiros de Íntegro despediron un curso de estrea
- O grupo Diversi&Teatro de Íntegro traspasa fronteiras.
- Íntegro, Adisbismur, Ambas e Misela celebraron o Día da Inclusión en Ponteceso.
- Íntegro normaliza a diferencia na Diversiescola de Carballo.