Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Íntegro xa pode reciclar plástico a través do proxecto Diversiplás

Plastico reciclado por Integro-Diversiplas
Tocando o plástico reciclado por Íntegro durante a presentación do proxecto Diversiplás
Íntegro xa pode reciclar plástico a través do proxecto Diversiplás

A Escola de Vela de Cabana acollía onte a presentación do proxecto Diversiplás, ersa iniciativa desenvolta pola Asociació Íntegro na que a diversidade e a sostibilidade se dan a man. O propósito era presentarlle á Rede de Entidades Colaboradoras a súa proposta para a xestión de residuos plásticos na Costa da Morte.

Un proxecto que tende pontes cara a cooperación entre entidades (concellos, confrarías, asociacións de mariscadoras, redeiras...) para buscar solución ao problema da contaminación dos plásticos.

Diversiplas presentacion

Trala presentación por parte do alcalde cabanés, a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, foi a encargada de dar a coñecer o proxecto de recuperación e (re) valorización de residuos plásticos, que vén de iniciar unha nova etapa coa posta en marcha dun taller para o aproveitamento e tratamento deste tipo de refugallos na súa sede de Nantón. Trátase dun espazo equipado coa tecnoloxía e os recursos necesarios (trituradora, inxectora e extrusora) para a reciclaxe de materiais plásticos, seguindo o modelo da iniciativa preciousplastic, co obxectivo de darlles unha segunda vida mediante a creación de novos produtos con novas utilidades (chaveiros, mobiliario...).

Con esta iniciativa de economía circular, a entidade pretende non só promover a autonomía e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, senón tamén preservar o medio natural da Costa da Morte xerando novas dinámicas de colaboración. Neste sentido, a directora do centro apelou tamén á conciencia ambiental da cidadanía, á que animou a colaborar no proxecto “utilizando os novos colectores de plástico e contribuíndo a manter limpos os nosos areais con xestos individuais e novos hábitos máis respectuosos co medio ambiente”, declarou.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña destacou na súa intervención o compromiso ambiental da entidade desde as súas orixes e lembrou que “xa no ano 1996 puxemos en marcha xunto coa Confederación Galega o proxecto Ecoemprego para a recollida de voluminosos e no 2000 creamos unha extensión agraria de produción ecolóxica que, por razóns alleas á entidade, non deu os froitos agardados”, matizou.

A Rede de Entidades Colaboradoras avanza, e xa selaron un acordo de xestión os concellos Cabana, A Laracha, Vimianzo e Carballo, e as confrarías de Caión e Malpica, aos que en breve se sumarán outras entidades públicas e privadas así como centros de ensino e colectivos sociais.

En breve comezarán a chegar colectores específicos aos concellos, de cor branca, feitos por a Just Fair Enough, cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo.

Diversiplas

ovas relacionadas

Comentarios