Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Íntegro celebra o seu 30 aniversario cun ano completo de actividades e inclusión

Integro Cumple 30 anos
Imaxe do acto de presentación dos actos polos 30 anos de Íntegro
Íntegro celebra o seu 30 aniversario cun ano completo de actividades e inclusión

30 anos leva xa Asociación Íntegro traballando pola inclusión e normalización da diversidade na nosa sociedade. 30 anos de actividades dirixidas a diferentes colectivos eternamente esquecidos, sempre coa honestidade e o compromiso como bandeira.

Este venres, a entidade cabanesa celebraba o comezo do seu 30 aniversario, que trae, ademais das actividades habituais, unha serie de citas extraordinarias entre as que destaca o acto central, que se desenvolverá no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños, e no que os protagonistas serán as propias persoas usaurias da asociación, que realizarán un percorrido polos 30 anos de historia da entidade.

Outras das citas salientables será a Romería da Inclusión, que terá lugar no mes de xullo. Será unha xornada festiva aberta á participación de toda a veciñanza, ademais de persoas usuarias, familias, etc.

Ademais, está programado tamén un ciclo de charlas e conferencias para o 2ª semestre do ano. Serán sesións de temática variada (sexualidade, emprego, vida autónoma...) e tamén haberá unha edición especial do programa de "Prevención da lesión medular”.

Actividades habituais

Mentres, a realidade continúa e o Centro de Recursos Íntegro segue formando e coidando a 45 persoas que ocupan as outras tantas prazas, das que 22 son públicas (10 Centro de Día e 12 Centro Ocupacional). En calquera caso, explican que nun futuro próximo (curto-medio prazo) agardan poder chegar ás 63 prazas de ocupación.

Paralelamente a entidade desenvolve diferentes proxectos, como o Concurso Escolar “Camiñando cara a Inclusión”, que trata de fomentar a naturalidade dende os colexios de primaria da Costa da Morte, a través do Debuxo, a Poesía e a Narrativa.

Nesa mesma liña de concienciación, funciona xa a Diverescola, o potente Diversiplás ou as visitas escolares como as de Adrián Torrado.

Por outra banda atópanse os cursos formativos para inserción laboral de persoas con diversidade funcional, como o de Limpeza ou o de técnicas administrativas de COGAMI. Uns cursos que teñen unha vía real de inserción a través da empresa propia Máis Porvir.

Ademais, a entidade leva a unha ducia dos seus usuarios natación terapéutica.

E mención especial merece o traballo realizadono PMIDRural, de apoio ás Mulleres con diversidade funcional do rural, esas mulleres con triple discriminación.

Integro Cumple 30 anos 2

Así conta o presidente Adolfo López a historia de Íntegro

Un 1 de febreiro de 1992, sete persoas con Discapacidade de Ponteceso e Cabana decidiron unir esforzos para constituír unha entidade, que inicialmente recibiu o nome de Asociación de Minusválidos Ponte-Cabana. Desde entón, un gran número de persoas foron sumando folgos, ideas e moito traballo ata formar o que hoxe coñecemos como a Asociación INTEGRO das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte. Co traballo de todos foise crecendo de forma estruturada para fortalecer todas as iniciativas e profesionalizar os servizos postos en marcha ata a actualidade.

As primeiras xuntanzas da entidade celebrábanse cada sábado no bar A Pesqueira de Ponteceso. E desde alí, dado que a maioría dos integrantes da entidade eramos lesionados medulares, decidimos poñer en marcha as primeiras accións de sensibilización para informar á poboación sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular. Así botou andar polos centros educativos da Costa da Morte a “campaña de prevención da lesión medular”, coa que seguimos percorrendo os colexios para concienciar aos máis novos.

Os comezos non foron doados. Ademais de atrancos burocráticos, os recursos económicos escaseaban. Así que, tiramos de imaxinación e comezamos a realizar actividades sociais para recadar fondos. Un dos eventos con máis sona e arraigo entre a veciñanza da comarca foron os desfiles de moda. Xa por aquel entón, tiñamos claro que todas as actividades tiñan que se integradoras (descoñeciamos o termo inclusión), e por iso nos pases de moda participaban modelos con e sen discapacidade. Ademais, este tipo de eventos eran a ocasión perfecta para convivir durante días todos xuntos e en igualdade. Que tempo aqueles!

A medida que a entidade medraba en socios/as e actividades, a necesidade de dispoñer dun local comezou a ser prioritario. Despois de moitas conversas cos alcaldes de Ponteceso e Cabana, o rexedor cabanés, que naquela época era o Sr. Fariña, facilitou non só un local, senón tamén o contacto con outros alcaldes e empresarios da contorna, así como con outras administracións públicas, como a Deputación da Coruña, para darnos a coñecer e arrincar a nosa particular andaina na defensa dos dereitos das persoas con diversidade. Así puxemos en marcha unha primeira sede, baleira de material, pero chea de ideas, soños, ilusións e proxectos. Entre os primeiros destaca a creación do equipo de baloncesto adaptado Ponte-Cabana, único participante galego na Liga Autonómica formado integramente por lesionados medulares. Ao mesmo tempo, constituíuse ademais o grupo de xadrez.

Emprego e formación

Desde as nosas orixes, comprometémonos coa formación e a busca de emprego como elementos determinantes para a consecución dunha vida plena autónoma. Grazas a COGAMI logramos os apoios necesarios para poñer en valor ao noso colectivo e iniciar proxectos tan innovadores como ECOEMPREGO, unha iniciativa medioambiental enmarcada no programa europeo HORIZON, pioneiro na recollida e reciclaxe de electrodomésticos, papel e cartón, porta a porta, no que colaboraron ademais case todos os concellos da comarca. Con este proxecto apareceron os primeiros contedores de papel e cartón na zona, pero tamén algunhas carencias, como a ausencia de traballadores con discapacidade na zona rural, o que provocou que tiveramos que recorrer a varias asociacións da Coruña para poder poñer en funcionamento dito proxecto. Este feito, propiciou a realización dun estudo sobre a poboación con diversidade da Costa da Morte e os datos foron reveladores: elevada taxa de analfabetismo, escasa incorporación ao mercado laboral e unha visión demoledora da sociedade sobre o noso colectivo que propiciou a nosa presenza, máis ca nunca, en todos os foros, xornadas, congresos e eventos de calquera índole para alzar a nosa voz e gañar maior visibilidade.

Aproveitando as instalacións das Torres do Allo (Zas), nas que se desenvolvía o proxecto Ecoemprego, puxéronse en marcha as primeiras accións formativas da entidade: uns cursos sobre xardinería e invernadoiros, nos que participaron por primeira vez persoas con discapacidade residentes na contorna, e nos que ademais de coñecementos específicos, poñíase en valor a formación e o traballo abordando cuestións relacionadas coa independencia económica e familiar, valor social, crear familia, poder adquisitivo, empoderamento, etc... A estes obradoiros seguiron outros de carpintería e coiro nun local cedido polo Concello de Cabana no lugar do Pendón. Co paso do tempo, a demanda de formación e asesoramento ía en aumento e moi pronto xurdiu a necesidade de crear un centro de rehabilitación integral capaz de atender as necesidades do noso colectivo. Unha construción que foi posible grazas á cesión duns terreos por parte do Concello de Cabana, e aos apoios recibidos desde outras institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, as administracións locais da Costa da Morte, e entidades como COGAMI, a Fundación ONCE, asociación NERIA, etc... Así nace o noso Centro de Recursos Íntegro.

A falta de contratación laboral de persoas con discapacidade por parte do tecido empresarial da contorna propiciou a creación do Centro Especial de Emprego ÍNTEGRO Xardinería e Medioambiente, nun terreo de 5.000 m2 cedido pola familia do ex-alcalde de Zas Julio Díaz, e especializado en labores de mantemento de xardíns e elaboración de produtos da horta con certificación ecolóxica, que deu emprego a 15 persoas.

No ano 2001, Íntegro inaugura as novas instalacións de Nantón, máis amplas e cómodas, co obxectivo de seguir medrando e atendendo as necesidades da poboación do rural. O concerto de prazas públicas da Consellería de Política Social favorece o crecemento e desenvolvemento do noso centro, que a Xunta de Galicia declara como entidade de Utilidade Publica pola Orde do 22 de outubro de 2010, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Dentro do noso compromiso coa inclusión laboral de persoas con discapacidade, en xullo de 2013 volvemos apostar pola creación de emprego a través da constitución do Centro Especial de Emprego de iniciativa social sen animo de lucro Máis Porvir Xestión Social, un espazo dedicado á prestación de servizos socio-sanitarios e labores auxiliares para empresas e administracións públicas que na actualidade ofrece traballo a 42 persoas, das que 38 teñen algún tipo de discapacidade. Desde Íntegro traballamos para que estes CEE de iniciativa social sexan o trampolín ao mercado empresarial.

O futuro de Integro

Actualmente, as entidades sociais vivimos momentos de cambio e constante evolución. En Íntegro damos a benvida ao 2022 con novos retos e ambiciosos proxectos para seguir medrando, entre os que destacan o incremento de prazas públicas concertadas, fogar residencial, sustentabilidade económica ou a posta en marcha de novas políticas de conservación ambiental, sen descoidar os valores do que marcan o noso traballo diario. O compromiso social, a igualdade, a defensa dos dereitos, a participación social, a transparencia e a mellora continua seguirán constituíndo os cimentos da nosa historia.

A entidade, no seu desenvolvemento estratéxico para o período 2022-2025, deberá medrar coa pretensión de que cada área de actuación sexa autónoma e autosuficiente. ÍNTEGRO como entidade corporativa, ten que selo de forma completa. Por iso, entre os retos estratéxicos para os vindeiros anos centraranse no desenvolvemento corporativo, o afondamento nunha metodoloxía de traballo baseada nos apoios personalizados, a incorporación de novos servizos e o desenvolvemento empresarial do noso CEE + Porvir.

Todas as novas sobre Íntegro

Comentarios