Martes. 30.04.2024
El tiempo

Novas obras para estradas e sendas peonís de Bergantiños

Novas obras para estradas e sendas peonís de Bergantiños

Novas obras na bisbarra. Mentres a Deputación anuncia que as obras de mellora da estrada Carballo -Sísamo comezarán nos vindeiros días, a Xunta informa dunha nova senda peonil e ciclista en Cabana.

Obras en Carballo

Políticos de Carballo e da Deputación na zona da estrada de Carballo a Sísamo Políticos de Carballo e da Deputación na zona da estrada de Carballo a Sísamo

A Deputación da Coruña vén de suscribir a acta de replanteo que contempla as obras de mellora da estrada de titularidade provincial DP-1901, entre Carballo e Sísamo adxudicadas á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L.. Ao acto de sinatura acudiron o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que licitaron o punto de inicio das obras, no que o ente provincial destina 270.717 euros.

As actuacións comezarán nos vindeiros días na intersección da Avenida das Flores coa rúa da Fábrica, no casco urbano de Carballo, e abarcarán unha lonxitude total de 730 metros. As obras consistirán na dotación e mellora de servizos coma o abastecemento de auga, o saneamento, infraestructuras de enerxía eléctrica, alumeado público e mobiliario urbano.

O proxecto prevé unha duración de seis meses para a execución da obra completa.

Nova senda peonil en Cabana

O Consello da Xunta aproba o Decreto polo que se publica e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da senda peonil e ciclista na estrada AC-429, no treito que une Neaño e A Carballa, ao seu paso polo concello de Cabana de Bergantiños, concretamente entre os puntos quilométricos 2+176 e o 3+740 (cunha lonxitude de 1,5km). O orzamento base de licitación do proxecto de construción supera os 350.000 €, que achegará a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O Decreto de utilidade pública supón as expropiacións das 28 fincas, que terán un investimento de algo máis de 48.000 €, necesarias para a execución dunha senda para uso peonil e ciclista na estrada AC-429 (Ponteceso–Laxe), que permitirá comunicar Neaño coa Carballa, núcleos que contan xa con beirarrúas.

O levantamento de actas previas e a licitación do contrato de obras prevense tamén para principios do ano 2017.

A senda, que terá unha lonxitude de 1.564 metros, desenvolverase no concello de Cabana de Bergantiños. Executarase en formigón, pola marxe esquerda da estrada desde o punto quilométrico 2+176 (intersección coa DP-1406 a Cesullas situada no núcleo de Neaño) ata o 3+565, lugar en que existe un paso inferior que se utilizará para cruzar a estrada; desde ese punto, pola falta de espazo na marxe esquerda, a senda continúa pola marxe dereita da estrada ata o p.q. 3+740 (entrada na Carballa), aproveitando o camiño existente ao pé do noiro.

Fonte

Comentarios