Novos lumes en Cabana, Ponteceso e Fisterra


- [Última hora - 10:00h]: O lume rexistrado na parroquia de Cundíns, en Cabana, quedou controlado ás 01:00 horas da madrugada, afectando, segundo as primeiras estimacións, a unha superficie de 100 hectáreas de arborado.
- [Última hora - 10:00h]: O lume de Xornes, Ponteceso, quedou extinguido ás 00:30 horas da madrugada e afectou a unha superficie de 77 hectáreas, das cales 75 pertencen a terreo arborado. Nos traballos de extinción participaron 5 axentes forestais, 5 brigadas, 1 Grumir, 5 motobombas, 2 palas, 3 avións e 2 helicópteros.
Cando quedan apenas 2 días para comezar temporada de alto risco (empeza este venres), son moitos os lumes que ameazan os nosos pouco coidados montes. I é que un ano máis comprobamos como os montes seguen cheos de maleza, os veciños non os limpan a pesar de ser obrigatorio, e as administracións nin os obrigan nin abren brigadas de prevención durante os meses anteriores de verán.
Xa vimos como a semana pasada houbo varios lumes activos, con consecuencias e forma dun imputado no da praia Langosteira. E ao longo do día de hoxe, cun fatídico vento de nordés que fai de fol alentando máis e máis o lume.
De feito, o fume procedente do forte incendio de Cabana de Bergantiños síntese en toda a bisbarra, facendo crer que houbo un novo incendio na zona entre Vimianzo e Dumbría, que parece que non existe.
Lume en Cabana de Bergantiños
O maior lume que sofre a Costa da Morte no día de hoxe é no concello de Cabana de Bergantiños. Na parroquia de Cundíns, rexistrouse un incendio forestal ás 13:48 horas deste mediodía e permanece arestora activo. A superficie afectada podería superar, segundo as primeiras estimacións provisionais, supera as 100 hectáreas. No control deste incendio traballaron 6 axentes forestais, 5 brigadas, 2 motobombas, 1 pala, 7 helicópteros e 1 avión. De feito, e malia que Cabana pertence ao Distrito Forestal II (da zona da Coruña), efectivos do Distrito V (comarcas de Soneira, Fisterra, Xallas e norte da Barbanza) están a traballar aló.
Outro lume en Ponteceso
No concello de Ponteceso, parroquia de Xornes, o incendio empezou ás 13:35 horas desta tarde e segue activo polo de agora. Segundo unha primeira valoración provisional, a superficie afectada supera as 75 hectáreas. Nos traballos de extinción están a traballar 4 axentes forestais, 4 brigadas, 1 Grumir, 4 motobombas, 2 palas e 2 avións.
Sospeitan que o lume forestal puido ser provocado polos artefactos pirotécnicos dos fogos de artificio.
Volve arder o Facho


Volveu arder o Monte Facho de Fisterra, Acomo ocorrera o ano pasado. Desta volta as lapas comezaron máis arriba, onde as antenas e as Pedras Santas. Tiveron que poñerse a traballar efectivos de Protección Civil de Fisterra, así como un helicóptero e varias motobombas. Afortunadamente o lume xa está controlado.
Suspensión de fogos de artificio
Ante as pesquisas de que os incendios de Cabana e A Baña foron provocados polos fogos de artificio, a Consellería do Medio Rural ven de comunicar a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que avise aos concellos da fachada atlántica da Coruña da prohibición de utilizar fogos de artificio ata que as condicións meteorolóxicas cambien.
O departamento que dirixe Samuel Juárez fai esta suspensión debido as condicións meteorolóxicas, forte vento do nordés e temperaturas elevadas, que fan que o Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) sexa extremo na zona nordés de Galicia. Isto implica que deben anularse os fogos de artificio mentres se manteñan estas condicións.
A responsabilidade queda, en todo caso, nos Concellos que son os que outorgan estes permisos.
Novas relacionadas
- O lume da praia da Langosteira cóbrase un detido.
- O lume chega á Costa.
- A pasarela maldita.
- 05-05-11: Primeiras detencións na Costa por sendos incendios en Cabana e Muxía.
- 27-09-10: Unha muller detida en Muxía como suposta autora de 3 incendios.
- 02-08-10: Arde a Costa da Morte.
- 31-08-10: As lapas cercan o Faro Fisterra .
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).