O BNG bergantiñán prepara as citas nacionais do verán


Tocaba Asemblea comarcal do BNG de Bergantiños este pasado venres pola noite en Carballo. E os dous temas principais foron a preparación dúas grandes citas que se aveciñan: a celebración do Día da Patria e as eleccións autonómicas. Na xuntanza participaron, en representación da Executiva Nacional, Rubén Cela, Raquel Suárez e Carlos Ansoar, que animaron á militancia a implicarse no proceso “Adiante” e a traballar de cara á próxima convocatoria electoral, na que o BNG se propón mellorar a súa representación no Parlamento Galego.
O responsable comarcal de Bergantiños, Xosé Regueira, pola súa banda, louvou o traballo realizado por Paco Souto e Lucía Veciño na recente campaña das Eleccións Xerais e destacou a presenza que o BNG tivo nas rúas da comarca.
Pero a cita inminente é a do 25 de xullo, que o BNG quere converter na gran festa do nacionalismo galego. A comarca de Bergantiños participará na concentración que partirá da Alameda de Santiago ás 12.00 horas co lema “Galiza viva”.
Preparando a Asemblea local

Ademais, a nivel local, Inés Rodríguez Muíño continuará como responsable local do BNG de Carballo. A concelleira de Normalización Lingüística e Participación Veciñal encabeza a candidatura de consenso que se presentará o vindeiro xoves 28 na asemblea aberta a toda a militancia para a renovación do consello local.
Inés Rodríguez é responsable local do BNG dende setembro do 2013, concelleira dende xaneiro do 2014 e membro do consello comarcal do BNG de Bergantiños elixido recentemente. Natural de Guntián (Sofán), é diplomada en Empresariais e ten o seu propio negocio en Carballo. A asemblea local do BNG está convocada para o día 28 ás 21 horas no local comarcal da rúa Hórreo. Na orde do día, ademais da elección do novo consello local, figuran un apartado de información municipal e outro de rogos e preguntas.
Novas relacionadas- O PP volve arrasar nas Eleccións Xerais na Costa da Morte
- Carlos Callón defende en Carballo que o BNG é o único que non dá “cheques en branco”.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- BNG