O BNG loita contra o desmantelamento do 065
O Servizo Galego de Transporte Adaptado (065), que atende as persoas con discapacidade e dependentes, foi instaurado por iniciativa do BNG no goberno bipartito da Xunta de Galiza e constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español.
Así o asegura o BNG de Bergantiños que entende que "a partir do acceso do PP ao goberno da Xunta de Galiza, este servizo básico, bautizado como Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias".
Este feito, "xustificado polo PP con base nunha pretendida racionalización e eficacia", tradúcese para o BNG "simplemente no desmantelamento do servizo do 065, para non atender o desprazamento regular de persoas dependentes nin para garantir a mobilidade das persoas con maiores dificultades".
Considera a oposición que "isto é outro paso na eliminación dos programas e servizos de dependencia e benestar que sufrirán novamente as persoas máis débiles, neste caso as que teñen maiores dificultades para se trasladaren e poder recibir atención como consecuencia do seu estado".
Por este motivo o grupo municipal do BNG vai solicitar en todos os Plenos da comarca, unha moción para instar á Xunta a "Paralizar o desmantelamento do Servizo do transporte adaptado do 065", e a "Garantir o desprazamento regular das persoas dependentes e a mobilidade das persoas con maiores dificultades".
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Bergantiños.