Ponteceso, Laxe, Cabana e Malpica crean a comunidade intermunicipal Costa Bergantiñán


Temos algún exemplo que mellor non ter en conta como a inútil Mancomunidade de Fisterra. Pero esperemos que a nova iniciativa intermunicipal que nace no norte da Costa da Morte vaia para adiante. Polo de pronto, o Concello Ponteceso xa o levará hoxe mesmo a pleno a proposta e o resto das corporacións aprobarán a súa inclusión nas próximas semanas.
Trátase da creación da Comunidade Intermunicipal Costa Bergantiñán, da que tamén formarán parte os concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Malpica de Bergantiños. Ademais, a Deputación tamén formará parte da entidade, que pode parecer un primeiro paso para a fusión de Concellos.
O obxectivo final destas alianzas, que non terán entidade xurídica propia nin cargos remunerados, é aglutinar núcleos de poboación de habitantes e fomentar a coordinación na prestación de servizos, como nova fórmula de asociacionismo municipal.
Os pasos a seguir no caso da comunidade intermunicipal Costa Bergantiñán inícianse agora, coa aprobación das corporacións locais, para despois formalizar a alianza e decidir cales van ser os servizos municipais que se poden compartir ou ata mancomunar.
Outras iniciativas
Ademais desta comunidade, tamén está previsto que en breve estea lista a que formarán os concellos de Boqueixón, Touro e Vedra; Padrón, Rois e Dodro; e Curtis, Vilasantar e Sobrado que xa formalizaron fai meses a súa intención de mancomunar servizos.
Ademais, hai sobre a mesa máis propostas pendentes de que se presenten nos plenos dos seus concellos, entre as que están Santa Comba, Negreira, A Baña e Val do Dubra.
Novas relacionadas
- Os Concellos de Cabana e Ponteceso abren un servizo de orientacion laboral.
- Unha sobre fusión: 8 Novos Concellos formarían a Costa da Morte.
Fonte
- Xunta.