Martes. 23.04.2024
El tiempo

Un campo de traballo para a mocidade será a estrela do Verán Cultural 2011 en Cabana de Bergantiños

Un campo de traballo para a mocidade será a estrela do Verán Cultural 2011 en Cabana de Bergantiños

O campo de traballo no rego dos Muíños que se realizará na segunda quincena de xullo será a actividade estrela do programa que artellou o departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Cabana para este 2011. Amais desta innovadora proposta na comarca, hai outras citas clásicas do verán cabanés como as Noites da Mocidade, o Castro Animado, Unha Noite no Medievo ou a Noite das Estrelas, entre outras.

O programa arranca xa este vindeiro xoves día 30 de xuño coa proposta de colaboración co Centro de Día de Neaño e que leva por nome Camiñando co Centro de Día e os nosos Maiores. Co asesoramento de Ángel Eiroa, maiores de toda a comarca realizarán a ruta dos muíños e visitarán o castro A Cidá e o o dolmen de Dombate. Nos xoves vindeiros, outras rutas percorrerán espazos dos concellos participantes: Zas, Ponteceso e Laxe.

8 propostas para o mes de xullo

No mes de xullo desenvolveranse oito propostas de actividades dirixidas para todo tipo de público, aínda que destacan as pensadas para a mocidade.

Desenvolveranse case todas elas a partir das 22:00h da noite. O martes 12, desde as 11 a 13 horas, no local social de Neaño, realizarase un Obradoiro de Orientación Laboral para xuventude de 16 a 30 anos. Nel ofrecerase información sobre as técnicas de busca de emprego ou como realizar unha entrevista de traballo.
Para o domingo 17 programouse a actividade Convivencia Costa da Morte. Nela compartirán vivencias a xuventude cabanesa e a asistente ó Campo de Traballo no Regos dos Muíños. Realizarán unha excursión por varias localidades da Costa da Morte.
O mércores 20 terá lugar no Auditorio Municipal a primeira das Noites da Mocidade coa actuación en concerto do grupo de rock local Abbey Road. O venres 22, tamén actuará no mesmo escenario o clawn Fredi Muíño.
O domingo 24 será a xornada do Castro Animado. Desde as cinco da tarde, o alumnado da Escola Municipal de Teatro recreará momentos a vida castrexa nos que este ano destacará a visita simbólica á Cidá dos outros castros do concello. Ademais haberá unha gala de circo, música cos gaiteiros Inllar, artesanía, xogos populares, gastronomía e un concerto final a cargo de Mamá Cabra.
O martes 26, dentro das Noites da Mocidade actuará no Auditorio Municipal o mago Peter Punk.
Para o día seguinte, o mércores 27, agora na Praza do Pendón, programouse o concerto de Bloquinho de Percusión.
A última cita de xullo será o xoves 28 cunha actuación de maxia a cargo de Cayetano Lledó no Auditorio.

Agosto abre as Noites de cine

A programación do mes de agosto arrancará o venres 5 coas Noites de Cine na Praza de Neaño coa proxección da película Avatar.
O venres 12, Jorge Mira e Ángel Eiroa guiarán unha nova edición da Noite das Estrelas. Nesta ocasión cámbiase o emprazamento da ruta e a comitiva desprazarase á parroquia de Riobó para ascender ó cume dos Chans de Perrol.
O sábado 13 terá lugar outra nova convocataria de Unha Noite no Medievo en Riobó. Nela, a partir das catro da tarde animarase o rueiro desta pequena aldea cabanesa cunha prevoda medieval, con artesanía, gastronomía e as intervencións do grupo de teatro de rúa Os Quinquilláns, que representará a obra Arrieiros, co Home Orquestra Hortensio e coa animación musical do Tren da Unha de Laxe.
O venres 19 celebrase unha Noitiña de Acordeóns coa que se quere render homenaxe ó acordeonista de Neaño José María Álvarez Canto. Ademais de música haberá proxeccións audiovisuais sobre o homenaxeado, audicións históricas e participación de copleiros e copleiras de Cabana de Bergantiños.
A última cita deste mes será a do venres 26 coa tradicional Camiñada polo Rego dos Muíños. Co servizo guiado de Ángel Eiroa e con hora de incio das oito da tarde, realizarase unha camiñada polo rego do Roncaduiro. Á volta, no Campo da Festa de Canduas, terá a actuación do músico Ce Orquestra Pantasma.

Campo de Traballo no Rego dos Muíños

O Campo de Traballo no Rego dos Muíños ten un carácter medioambiental, etnográfico, patrimonial cultural e lingüístico e está dirixido a mocidade do estado español de 18 a 24 anos. Baixo o mando do director de campamentos, Carlos Conde Mayo, un grupo de mozos vivirá e traballará no entorno do regato do Roncaduiro desde o 15 ata o 29 de xullo.

Compatibilizarán actividades de recuperación do entorno fluvial do Rego dos Muíños con outras propostas lúdicas, deportivas, culturais e lingüísticas. Coñecerán as localidades de Buño, Malpica, Corme, Laxe, entre outras da Costa da Morte. Tampouco faltará a capital de Galicia, que visitarán no propio día do Apóstolo. Acudirán á romaría de Santa Mariña do Remuíño en Corcoesto.

Coñecerán de primeira man a riqueza da enseada da Insua mediante unha visita ás carpinterías de ribeira ou a través dunha convivencia coas mariscadoras do Anllóns. Manterán un encontro interxeracional cos maiores do Centro do Día. Participarán na celebración do Castro Animado e tampouco marcharán de Cabana de Bergantiños sen coñecer o dolmen de Dombate.

Colaboración coas romarías do concello

Coma en anos anteriores, o Concello, na sección do programa Noite e día Cabana é unha Romaría, colaborará mediante da cesión de actuacións musicais coas romaxes tradicionais que se celebran durante o verán. O 18 de xullo, a Banda de Música Eduardo Pondal actuará no Carme do Briño (Borneiro). O 23 de xullo, a Banda O Rumbo de Sardiñeiro porá a animación en Santa Mariña do Remuíño (Corcoesto). Por último, o 1 de agosto, a Banda de Música Eduardo Pondal, á parte de realizar o pasarrúas, animará o Himno no San Fins do Castro (Cesullas)

Teatro castrexo para A Cidá de Borneiro

A Escola Municipal de Teatro non descansará durante o verán. Os novos actores e actrices seguirán coa súa faceta de aprendizaxe teatral con Silvia Losada Crende para preparar a recreación prehistórica por parroquias da actividade Castro Animado. Estas aulas de teatro terán lugar de luns a venres en horario de mañá a partir das 9.30 h. Os espazos para o ensaio serán o propio castro A Cidá así como os locais sociais de Nantón, Cundíns, Riobó, Anos, Casa da Cultura e Casa das Asociacións de Neaño.

Informática e información turística e na Casa da Cultura

Por outra banda, a Casa da Cultura da Carballa non pechará durante o verán, dado que nela se realizarán actividades tanto do departamento de Cultura como de Servizos Sociais. Durante todo o mes de xullo manterase en funcionamento unha Aula de Informática para nenos todos martes e os xoves. As actividades lectivas impartiranse en dúas sesións diarias a partir das 11 da mañá. Ademais, ó longo de todo o verán, a planta baixa deste edificio contará cun servizo matutino de información turística. De luns a venres e de 10 a 14 horas, os turistas poderán obter todo tipo de información turística, acceder gratuitamente a Internet, contemplar a exposición multimeda Cabana en imaxes ou acceder á sala de lectura.

Visitas guiadas ó dolmen de Dombate

Por último, o Concello de Cabana de Bergantiños publicita a través do seu tríptico de programa de verán o servizo guiado que oferta a Deputación da Coruña para o Centro Arqueolóxico do dolmen de Dombate. A apertura ó público do elemento patrimonial máis coñecido do municipio será durante os meses de xuño a setembro. Ofértase un servizo de visitas guiadas polas mañás de 10 a 14 h e pola tarde de 16:00h a 20:00h.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Cabana.

Comentarios