Veciños de Cabana estudan denunciar a un concelleiro do PP por supostas irregularidades
A Comunidade de Usuarios Fonte do Castro, de Cabana, estuda o inicio de accións xudiciais contra José Antonio Pose Mato por supostas “irregularidades na xestión que lle causaron un posible prexuízo patrimonial de máis de 7.000 euros”. Todo despois de que, en principio, quedase absolto tras unha denuncia dunha veciña particular
A Xunta directiva da Comunidade de Usuarios Fonte do Castro estuda o inicio de accións xudiciais contra o concelleiro do Partido Popular de Cabana de Bergantiños por posibles irregularidades na xestión da Comunidade de Usuarios durante o tempo que foi presidente da mesma.
”Estas irregularidades”, asegura a actual directiva “puxéronse de manifesto cando José Antonio Pose Mato, entregou a documentación contable da comunidade de usuarios unha vez que lle foi requirida pola vía xudicial. Examinada esta documentación, constátase que na mesma figuran rexistradas como gastos da comunidade unha serie de facturas que totalizan máis de 7.000 euros, que non cumpren os requisitos legais de facturación, non figurando nas mesmas como destinatario a Comunidade de Usuarios Fonte do Castro, chegándose ao extremo en que moitas delas figura como destinatario da factura o propio José Antonio Pose Mato”.
Inciden ademais en que “dentro das irregularidades detectadas tamén figura o pago de sancións tributarias que corresponden a outra comunidade de usuarios de Corcoesto e aparece tamén como xustificación de gasto da comunidade o pago dunha licenza de obras solicitada por José Antonio Pose Mato, para obras no lugar grande de Corcoesto, que nada teñen que ver, pola data da mesma, con obras realizadas pola Comunidade de Usuarios”.
Por último, a Comunidade de Usuarios Fonte do Castro, “para poder recuperar a débeda recoñecida por José Antonio Pose Mato coa Comunidade por importe de 1.300 euros, tivo que acudir a un xuízo monitorio, xa que este se negaba a facer o pago da débeda por el mesmo recoñecida en sede xudicial. Asemade José Antonio Pose Mato aínda ten pendente de pago as cotas anuais da Comunidade desde o ano 2005”.
Fonte
- Nota de prensa da Comunidade de Usuarios Fonte do Castro.