A Xunta debullou as axudas en materia de vivenda para a Costa da Morte
Celebraba esta mañá a Xunta de Galicia un evento importante en materia de vivenda en Cabana. “Construíndo Fogar” foi un encontro informativo para dar conta das diferentes axudas que a Xunta vai convocar este mes de maio dirixidas a menores de 35 anos para a adquisición de vivendas en municipios de menos de 10.000 habitantes.
A conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo un percorrido polas axudas ante máis de 130 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 16 concellos que integran a área de Costa da Morte. Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, incidiu especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.
Son varias as liñas de axudas. Como as de emancipación para concellos de menos de 5.000 habitantes, que xa deixaron 9 beneficiarios na Costa da Morte: tres que compraron a súa vivenda habitual en Fisterra; outros tres que o fixeron en Corcubión; dous máis en Muxía; e un no municipio de Laxe.
Os Concellos da Área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, teñen unha liña especial no eido da rehabilitación, que permanecerá aberta aínda ata o 30 de setembro. Os particulares que teñan inmobles en Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra ou Muxía poderán optar a unha axuda de ata 25.000 euros para acometer obras de rehabilitación sobre eles, unhas subvencións coas que, lembrou, tamén se mellora a imaxe que reciben os peregrinos ao seu paso por estas zonas.
Así mesmo, durante o encontro tamén se informou aos asistentes de que xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar desde a páxina web do IGVS.