Mércores. 24.04.2024
El tiempo

#25N en Camariñas: De Andaina, charla e recital coas “mulleres libres e rabudas”

Recital Poesía Feminista Camarinas
Recital Poesía Feminista Camarinas
#25N en Camariñas: De Andaina, charla e recital coas “mulleres libres e rabudas”

O Concello de Camariñas organiza para o 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, unha andaina popular en igualdade baixo o nome ‘As mulleres de Camariñas: libres e rabudas’.

Comezará ás 10 horas desde o Museo de Cerdeimar e a ruta pasará polo Museo do Encaixe, onde visitará a exposición fotográfica ‘As mulleres de Camariñas: libres e rabudas’, polo porto de Camariñas, onde unha mariñeira e unha percebeira explicarán como é a vida dunha muller cun oficio relacionado co mar e, por último, rematará cunha concentración en repulsa da violencia machista.

A participación é de balde pero as prazas son limitadas e é necesario confirmar asistencia no teléfono 981 737 004. Cada persoa que o faga recibirá un agasallo.

Andaina 25N Camarinas

I ciclo de conferencias: ‘a investigación con perspectiva de xénero’

Ademais, o Concello en colaboración da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e o Máster Universitario Oficial en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, organiza para o venres, 26 de novembro, o I ciclo de conferencias: ‘a investigación con perspectiva de xénero’.

O ciclo, que se enmarca dentro da programación municipal impulsada polo departamento de Igualdade do Concello de Camariñas para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, celebrarase en horario de tarde no Museo do Encaixe. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido.

A inauguración terá lugar ás 16 horas e correrá a cargo de Raquel Martínez-Buján, decana da Facultade de Socioloxía da UDC, que falará sobre ‘A importancia da produción científica con perspectiva de xénero’. Ás 16:15 comezará a primeira das mesas deste ciclo, centrada na ‘Saúde con perspectiva de xénero’, e na que participarán Silvia Miragaya, terapeuta ocupacional; Raquel Veiga-Seijo, enfermeira, podóloga e doutoranda no departamento de Ciencias da Saúde; e Rocio Ferreira Marante, terapeuta ocupacional. A segunda mesa comezará ás 17:45 horas e nela Tatiana Palmeiro Ojeros, socióloga; Cecilia Diéguez Fociños, sociologa; e Noelia Teijeiro-Cal, socióloga e técnica de igualdade municipal, falarán sobre diferentes aspectos da ‘Sexualidade con perspectiva de xénero’.

Entre as dúas mesas de debate haberá un pequeno descanso no que se aproveitará para presentar o vídeo ‘Emprendedoras e bravas: mulleres de Camariñas’.

Recital de poesía feminista

 

A poeta Lúa Mosquetera será a encargada de pechar o ciclo de conferencias cun recital de poesía feminista que comezará a partir das 19 horas. Lúa Mosquetera (Miño, 1988). Graduada en Lingua e Literatura Galegas e actual campioa da Poetry Slam de Compostela. Dous poemarios publicados, ambos autoeditados: “Rasrás”(2018) e “Aunque seas rara y seas pájaro” (2020). Cre na poesía como ferramenta e nas verbas como arma contra os imbéciles.

Novas do 25N

Comentarios