5 Grandes Mestres Mundiais participarán no Torneo Internacional de Xadrez Entre Faros
Menuda a que está liando o muxián Santiago Pérez Haz, presidente do Clube de Xadrez Cabo Touriñán, por toda Galicia. Desta volta, vén de liar aos 3 alcaldes de Camariñas, Fisterra e Muxía, e á mesma Deputación, para artellar o que será Torneo Internacional de Xadrez “Entre Faros”, que se celebrará do 5 ao 14 de outubro nas tres vilas costeiras. Así o presentaban onte os alcaldes, o presidente da Deputación e propio Santi.
A cousa vai en serio, pois “Entre Faros” reunirá na Costa da Morte a cinco Grandes Mestres, é dicir, xogadores de xadrez clasificados entre os cen primeiros do ránking mundial. O único español será o galego de Ourense Iván Salgado, o recente campión de España. Salgado terá que medirse con Negi (India), Rapport (Hungría), Iván Cheparinov (Bulgaria) e Lázaro Bruzón (Cuba).
Diego Calvo salientou durante a presentación que “estamos ante o torneo máis importante realizado nunca en Galicia, e tamén o de maior nivel organizado este ano en España”. Ademais, durante eses días a nivel mundial non se celebra ningún outro torneo, “polo que todos os ollos do mundo do xadrez estarán postos na Costa da Morte”.
Outra das razóns esgrimidas polo presidente provincial para apoiar este torneo é a promoción turística e cultural que terá o acto: “O mellor exemplo o temos ben preto na memoria co paso de La Vuelta ciclista pola Costa da Morte, un recordo que vai ser moi difícil de esquecer tanto para nós, coma para os que viron as impresionantes imaxes no televisor das súas casas”.
Un valor engadido desta celebración, segundo explicaron os organizadores, será a retransmisión de tódalas partidas a través de internet e co prestixioso periodista de xadrez Leontxo García Olasagasti, que leva máis de trinta anos escribindo sobre este deporte.
Formato do Torneo
O torneo executarase en forma de liga a dobre volta. Cada día haberá dúas partidas e o xogador que descanse participará en diferentes actividades paralelas coma conferencias en colexios ou visitas culturais.
O certame, ademais, será puntuable para a clasificación mundial.
Despois dun sorteo entre os concellos, o programa quedou fixado para que o certame se celebre os 3 primeiros días no Faro de Fisterra, os seguintes 3 días no Faro Vilán de Camariñas e os últimos catro días na Biblioteca de Muxía.
O orzamento total para desenvolver este Torneo ascende a 40.600 euros, dos que 30.000 euros son aportados pola Deputación da Coruña, 10.000 euros polos concellos participantes e os 600 euros restantes, correspondentes ao pago de taxas, os achegan as federacións de xadrez autonómica e estatal.
Novas relacionadas
- Coñecendo mundo a través do xadrez.
- O xadrez muxián invade toda Galicia.
- A semente do xadrez prende en Muxía que xa conta con dous clubes.
- Unha festa deportiva para pechar o 1º Circuito de Xadrez da Costa da Morte.
- O tenis de mesa pechou unha exitosa I Liga Intermunicipal cun gran ambiente e vitorias corcubionesas.
Fonte
- Deputación.