A Costa da Morte entra nun proxecto de sinalización marítima
07:12 10/11/15
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu a xuntanza de coordinación das autoridades portuarias
Das 105 balizas que prevé instalar Portos de Galicia en toda a comunidade tan só virán unhas poucas para as rías de Camariñas, Muros e Noia, e a de Corme e Laxe. O ente público ten previsto instalar nos vindeiros dous anos máis de cen balizas para sinalizar as canles de acceso aos portos e aos polígonos de bateas das zonas.
Así sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, antes da reunión de coordinación dos portos autonómicos e estatais que se celebrou onte en Marín e na que tamén participaron os presidentes das autoridades portuarias de Marín-Pontevedra, Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía e Vigo, así como o de Portos de Galicia.
Segundo indicou a conselleira, esta iniciativa enmárcase nun proxecto de sinalización marítima que xorde das reunións mantidas entre Portos de Galicia e Puertos del Estado e que contempla o balizamento das canles de acceso aos portos e dos vértices dos polígonos de bateas en aplicación da Ley de Puertos del Estado. O obxectivo é eliminar o exceso de balizamento existente e renovalo, colocando o número imprescindible de sinais.
Así, as balizas que se prevén colocar clasificaranse en imprescindibles, convenientes e secundarias, segundo o grao de necesidade. Segundo dixo a conselleira, atendendo as preguntas dos xornalistas, neste proxecto a Consellería do Mar ten previsto investir 800.000 euros para os vindeiros dous anos.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Mar