Mércores. 09.10.2024
El tiempo

O activismo toma as aulas do IES Pedra da Aguia

Activismo nas aulas con Agareso
Imaxe dun encontro con activistas do sur do planeta nun centro de ensino
O activismo toma as aulas do IES Pedra da Aguia

Apúntase a todo o IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto. O centro máis europeo da comarca comeza hoxe martes un proxecto da man da activa ONG Agareso, unha nova edición do proxecto de educación en valores “Activistas polo Mundo que Queremos”. Un programa que trata de mobilizar activismos xuvenís nos eidos do feminismo, o medio ambiente, o antirracismo e a loita LGTBI en centros educativos das catro provincias galegas.

Nos seus 11 anos de historia o proxecto xa ten pasado por 62 centros educativos,e este ano chega ao centro camariñán, e pasará polos IES Campo de San Alberto en Noia, IES Ramón Cabanillas de Cambados, o IES A Basella de Vilanova de Arousa, o IES O Couto da cidade de Ourense e o IES Lois Peña Novo de Vilalba.

A primeira toma de contacto para o alumnado de 3ºESO será analizar o concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por sete obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso escolar. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.

O percorrido didáctico comezará con esa primeira parada presencial cun obradoiro sobre arredor do concepto do activismo; outra xornada en decembro sobre comunicación transformadora; unha en xaneiro xa temática con desigualdades concretas; para despois en febreiro , marzo e abril ir desenvolvendo o seu programa de radio, culminando en abril con activistas do Sur, como realizou o curso pasado o CEPI Xosé Pichel de Coristanco.

Activistas de Honduras no CPI Xose Pichel con Agareso
Activistas de Honduras no CPI Xose Pichel con Agareso

Estas sete paradas son froito da colaboración das catro entidades implicadas neste proxecto: As ONGDs Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a cooperativa Feitoría Verde, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis novas 

Comentarios