Arrincou a Campaña das Eleccións Europeas… tamén na Costa da Morte

Pois si. Malia que parece agochada, que parece que non nos toca, tócanos e moito. E máis nestes tempos nos que as verdadeiras decisións do poder político chegan de Europa. A pasada semana facíamos unha reflexión sobre as Europeas, deixando as nosas dúbidas sobre se podemos cambiar algo ou non en Europa, despois de comprobar como cambian gobernos sen necesidade de preguntar aos votantes, ou como fan leis sen pensar nos de abaixo.
Pero a realidade tamén nos indica, e así nolo recordan todos os grupos con ese (“eso vén dado de Europa”) é que boa parte das decisións importantes que ten que tomar unha comunidade tómanse en Europa. Só por iso cómpre comprometerse, informarse e participar.
Facemos un repaso deste inicio de campaña pola Costa da Morte.
De mitines e Mercados

Se o presidente Feijoo estreaba a campaña en Carballo, o voceiro do PSdG Gómez Besteiro facíao en Camariñas. Ambos con grandes mítines, e suculentas ceas. Pero a política na Costa da Morte dase mellor polas rúas. Por exemplo, destacamos a presencia das populares Marisol Piñeiro e Zaira Rodríguez polo Mercado de Cee, ou de Xosé Manuel Sande, facendo campaña polo BNG de Bergantiños no Mercado de Carballo, ao igual que os responsables do PP bergantiñán.
Tamén por Corcubión, e por outras vilas da zona, o BNG realizou unha completa de pegada de carteis.
Os voceiros de PP e PSdG escollen a Costa

Queiras que non, sempre é importante que os voceiros dos dous partidos máis votados escollan a bisbarra para arrincar a campaña, malia que os seus argumentos sigan sendo en clave de bipartidisimo e a base do “ti máis”. Feijoo escollía Carballo para cear e dar un mitin no que se dedicou a falar dos bandos contrarios, acusándoos de “cambiar de chaqueta” con facilidade, mentres que o PP sempre aposta “por renovar o mesmo pacto coa xente”.
Tamén en Muros houbo presencia popular. No restaurante O Castelo de Muros tivo lugar onte a 18:30 unha reunión da xunta xestora local co secretario xeral do PP de A Coruña, Diego Calvo Pouso, e co coordinador provincial, Manuel Campana. E xa ás 20:00h abriron as portas para levar a cabo o mitin de campaña ao cal asistiron unhas 150 persoas. Exerceron de ponentes a presidenta da xunta xestora local, Ines Monteagudo, o senador José Luís Torres Colomer, a concelleira de facenda, Elena Muños Fonterís e o secretario xeral, Diego Calvo Souto.


Pola súa banda, Gómez Besteiro achegouse a Camariñas, escoltado por Pichurri, Marisol Soneira, Fran Caamaño e outros compañeiros da comitiva local e da de Zas, Cee, Fisterra e Vimianzo. A veciñanza tiña gañas de coñecer ao novo voceiro nacional da oposición, e este tivo palabras para o ex ministro de Agricultura, un Cañete que segundo Besteiro “decidiu repartir a cuota por territorios e non por persoas como si os territorios comeran, os que comen son as persoas”. Para ver a imaxe bipartidista do grupo socialista, cómpre ler a conclusión: “Votar a Social Democracia Europea, asegurará outra maneira de saír da crise, máis xusta e mais solidaria, darlle o voto o PP será afondar nas desigualdades”.

O BNG, tamén en Camariñas

O que tamén escolleu Camariñas para arrincar a campaña foi Paco Jorquera, voceiro do BNG, que xuntou a numerosos veciños para analizar as posibilidades que ten Galicia de expresarse con voz propia en Europa, facendo máis cercana a figura da candidata Ana Miranda.
Compromiso por Galicia en Outes

A esteirá María Xosé Alfonso explicou como traballa CxG nestes primeiros anos de andainas. A mestra ademais en Outes, falou xunto a Xosé Ramón Riomao (Portavoz municipal de Compromiso Por Outes), María Xosé Alfonso Torres (Candidata de Compromiso ao Parlamento Europeo pola nosa comarca), Xoán Bascuas (Secretario Xeral) e Paulo Carlos López (Candidato de CxG ao Parlamento Europeo).
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).