Ata 12 Concellos da bisbarra poderán manter o SNL coa axuda da Deputación
Ata o ano pasado, eran os concellos con máis de 7.000 habitantes os que podían optar ás axudas da Deputación da Coruña para a creación de Servizos de Normalización Lingüística. Este ano a Deputación reduce de 7.000 a 5.000 o número de habitantes necesarios para que un concello poda concorrer á convocatoria. Así, ademais dos Carballo, Cee, Muros, Santa Comba e Vimianzo, este ano tamén poderán solicitar Camariñas, Coristanco, Malpica, e Ponteceso.
Ben é certo que o curso pasado foron 9 os concellos da zona que recibiron as axudas, xa que Carnota, Dumbría e Fisterra tamén mantiveron o seu Servizo con estas axudas.
Así, nas bases reguladoras da convocatoria -publicadas o día 2 de xaneiro no BOP- contémplase o orzamento destinado á liña que será de 480.000 €, correspondendo un máximo de 12.000 € a cada beneficiario nunha distribución a partes iguais entre cada un dos participantes no programa. A Deputación continúa a incrementar unha liña que vira na anterior edición triplicado o seu orzamento que pasara de 150.000 € aos 432.000 € do pasado ano, duplicando tamén a cantidade recibida por cada un dos concellos que pasaba así de 6.000 a 12.000 euros. No anterior exercicio foran 38 as solicitudes presentadas con respecto ás 25 do ano anterior. Un total de 56 foron os concellos beneficiados fronte aos 39 da convocatoria previa.
"A planificación lingüística require fundamentalmente de persoal. No noso país temos persoas altamente cualificadas e iso é o mellor que podemos ofrecer para levar a cabo medidas de normalización do noso idioma", defende Goretti Sanmartín, vicepresidente e responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación que presentou a finais do mes de novembro as novidades da convocatoria nunha xuntanza con persoal político e técnico responsábel dos servizos.
As axudas económicas destinaranse a a financiar as retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais co fin de “incrementar o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos e sectores do termo municipal, non só no seo da propia administración”.
Novas relacionadas
- Carballo e Mazaricos súmanse á campaña dos Youtubeir@s para promocionar o uso do galego na rede.
- Seis municipios da bisbarra inician a nova campaña do proxecto Apego.
- Xuño 2016: A Costa da Morte recibe 108.000€ para os servizos de normalización lingüística.
Fonte
- Deputación.