Camariñas baixa o índice de criminalidade pero sofre un repunte no consumo de drogas entre a xente nova


Os últimos sucesos acaecidos en Camariñas fixeron saltar as alarmas sobre un hipotético repunte da criminalidade na viña encaixeira. Pero os datos reflicten todo o contrario, o índice de criminalidade deste Concello é de 20,4 delitos por 1.000 habitantes, manténdose por baixo da media provincial, que ascende a 29,7.
Así informaron onte ao Concello a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, como o coronel da Garda Civil, Francisco Javier Jambrina Rodríguez, durante a Xunta de Seguridade convocada no Concello. Unha reunión que serve para “tranquilizar” alcadesa Sandra Insua, que se amosou “satisfeita” con eses datos.
Se ben destacaron o incremento da taxa de eficacia policial, que mide o índice de esclarecimiento de delitos (sobe este ano 15 puntos e alcanza o 43,6%), a Garda Civil recoceñía un importante repunte no consumo de drogas entre poboación nova. Ante esta situación, a Xunta aprobou a posta en marcha de campañas de concienciación contra o consumo sustancias estupefacientes, sobre todo no ámbito escolar, que serán dirixidas por persoal da Garda Civil, semellantes as que realizaron Cruz Vermella polos institutos.
Reactivar a mesa local contra a violencia de Xénero
Acordouse a reactivación da mesa local de coordinación contra a violencia de xénero, despois de contabilizar un caso no 2018. Trátase dun órgano cuxo obxectivo é promover, no ámbito municipal, políticas e actuacións integrales para erradicar a violencia de xénero, e que reúne a representantes de administracións e colectivos implicados na acción contra a violencia de xénero.Ademais, o encontro serviu para artellar medidas de prevencións para os turistas ante os posibles roubos nas praias.