Camariñas divídese ante o proxecto de Gas Natural no Cabo Vilán


Curiosa o xeito co que a política de Camariñas afronta o proxecto do almacén electroquímico no Cabo Vilán. Por un lado, a Xunta (PP) e o goberno local (PSOE) apoiando un proxecto e defendendo que “de contaminar, nada”. E por outro, a oposición municipal, BNG e PP, alzando a voz contra as baterías.
O convulso PP camariñán non quere “baterías contaminante con sustancias tóxicas” no Cabo, un espazo natural protexido que ademais xa sofre a presencia dun parque eólico e unha piscifactoría.
Falamos dunha planta experimental de almacenamento electroquímico de enerxía, mediante o uso da tecnoloxía coñecida coma Fluxo Redox de Vanadio, coa instalación de dous grandes tanques con sustancias tóxicas e corrosivas, o sulfato de vanadio e ácido sulfúrico. O caso é que este proxecto figura vinculado a un parque eólico que ten suscitado polémica polo importante impacto paisaxístico e danos a hábitats protexidos, sendo motivo de repotenciación, coa retirada de aeroxeradores, para minorar estes danos.
O BNG, radicalmente en contra

Ademais, o BNG levantou un pouco máis a voz e levou o asunto ao Parlamento Galego. Ademais, a súa deputada Ana Miranda, chegou en bus (como puido…) ata Camariñas para denunciar que “o que quere facer Gas Natural Fenosa é instalar unha batería xigante na rompente, no espazo protexido do Cabo Vilán“.
Así de contundente amósase o grupo da oposición que formulou unha Proposición non de lei para o seu debate en Pleno do Parlamento, na que critica que “o Goberno galego decide facer experimentos industriais e enerxéticos en espazos protexidos”. Lembra que “pon en risco o Cabo Vilán, un entorno cun alto valor ecolóxico. Trátase dun lugar que enriquece o patrimonio da biodiversidade, con moi boa representación de hábitats prioritarios e comunitarios, e a presenza de especies en perigo. Dentro dunha Zona de Especial Conservación (ZEC ES1110005) e unha Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA ES0000176) da Rede Natura”.
Critican que o Goberno decidise “non someter este proxecto ao procedemento de avaliación ambiental por considerar que “non é previsible” que “vaia producir efectos significativos”. Todo isto a pesar da alta toxicidade das sustancias que van ser empregados neste proxecto piloto de acumulación da electricidade procedente das turbinas, das que se coñecen moi poucas experiencias e instalación para grandes almacenamentos enerxéticos a nivel mundial, e menos dentro de espazos naturais protexidos”, denuncian.
Recordan que “o ácido sulfúrico e o sulfato de vanadio son sustancias químicas moi tóxicas, que polo tipo de reacción química que ten lugar poden estar incluídas dentro do denominado “Grupo 5. Industria química, petroquímica, téxtil e papeleira”, letra a) “instalacións para a produción a escala industrial de sustancias mediante transformación química ou biolóxica, dos produtos ou grupos de produtos seguintes: 2 produtos químicos inorgánicos”, da Lei 21/2013, de 9 de decembro de avaliación ambiental. Isto implica que os proxectos industriais que fagan uso deles deben someterse ao proceso de avaliación ambiental ordinaria regulada no título II, capítulo II, sección 1ª da lei”.
Por todo isto, a Proposición insta “a deter de inmediato o proxecto da compañía eléctrica Gas Natural Fenosa que pretende en Cabo Vilán, establecer unha planta experimental de almacenamento electroquímico de enerxía, mediante o uso da tecnoloxía coñecida coma Fluxo Redox de Vanadio, coa instalación de dous grandes tanques con sustancias tóxicas e corrosivas, o sulfato de vanadio e ácido sulfúrico.”
Novas relacionadas
- O Cabo Vilán acolle unha planta de almacenamento electroquímico:
- 2014: Critican a repotenciación do Parque Eólico do Cabo Vilán.
- 2012: A repotenciación do parque eólico do Vilán abre o debate sobre a súa liberación.
- ADEGA denuncia buracos na Rede Natura para eólicos, piscifactorías e canteiras.
- A Costa da Morte ve triplicada a súa inútil Rede Natura.
- 3 de 4 asociacións de Carnota apoian un Monte Pindo Parque Natural con nova imaxe.
- Touriñán queda desprotexido contra a invasión piscícola.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Nota de prensa do BNG de Camariñas.
- La Voz.