Venres. 29.03.2024
El tiempo

Camariñas Explora, presentadas as 20 rutas sinalizadas para gozar do turismo deportivo

Agader confirmou o seu apoio para levar esta iniciativa a outros 10 concellos da Costa da Morte.
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa; a directora de Agader, Inés Santé; a presidenta do CMAT, Mónica Rodríguez; e a presidenta da Asociación de Empresarios de Camariñas, Olga Campos.
Camariñas Explora, presentadas as 20 rutas sinalizadas para gozar do turismo deportivo

Presentou onte o Concello de Camariñas o proxecto “Camariñas Explora”. Un espazo na rede para poñer en 20 rutas de sendeirismo. Trátase dunha interesante iniciativa de dinamización turística vinculada ao deporte, que serve para situarse como destino seguro, e para poñer en valor os máis de 220 km que o concello ten de extrema natureza para gozar do sendeirismo, o running ou o ciclismo.

Todas as rutas poderán seguirse no móbil. Para iso, habilitouse un perfil na aplicación Wikiloc, que utilizan case 8 millóns de usuarios e na que comparten máis de 22,8 millóns de rutas. A través do perfil ‘Camariñas explora’, calquera usuario accederá ás rutas e poderá seguilas de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido poderá ler unha pequena descrición do recorrido así como comprobar os datos técnicos do mesmo como a lonxitude ou o perfil altimétrico. Todas as rutas inclúen unhas recomendacións para desfrutar de cada actividade.

O traballo complementouse co deseño dun folleto e dun adhesivo que se distribuirá en diferentes localizacións r que incluirá un código QR para poder acceder á aplicación. Ademais, cada ruta conta cunha ficha técnica que incluirá a información necesaria para planificar a actividade seleccionada.

Aposta polo turismo deportivo

 

A rexedora incidiu en que “na época que estamos a vivir o turismo deportivo está a gañar cada vez máis adeptos” e “en Camariñas penso que temos todos os ingredientes necesarios para crear unha experiencia turística e deportiva completa”. “Facer unha ruta de sendeirismo polo litoral, coa fermosa vista do Faro Vilán guiando o camiño e o bater da olas inundando os nosos oídos é algo que non todos poden ofrecer”, agregou.

Fabián Canosa explicou que “pretendemos poñer en valor a actividade física e deportiva, o desfrute e coidado do medio natural e do mesmo xeito dar unha opción máis de turismo no Concello de Camariñas” e enumerou as diferentes “rutas de sendeirismo, bicicleta e carreira pola contorna natural que nos proporcionan as parroquias de Camelle, Arou, Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas. Camariñas Explora Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, chegando finalmente ás 20 rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.

Explora 20

En fase de traballo se atopa o proxecto Explora 10, unha vez que Agader comprometeu o seu apoio, un proxecto semellante ao camariñán pero que implicará a Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

Comentarios