Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Concellos, confrarías e asociacións asinan a Declaración de Camariñas de compromiso co coidado do medio mariño

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Imaxe da reunión celebrada onte en Camariñas
Concellos, confrarías e asociacións asinan a Declaración de Camariñas de compromiso co coidado do medio mariño

Importante xuntanza a realizada onte na Confraría de Pescadores de Camariñas. Numerosos alcaldes da Costa da Morte, presidentes dos pósitos, así como o xerente do GALP Costa da Morte, e responsables do Colectivo PX e Mar de Fábula, uníanse para debatir e asinar un documento que implique a todos os colectivos no coidado, a limpeza e conservación do noso medio mariño.

Tras dúas horas de intensas charlas, os presentes acordaron asinar a denominada “Declaración de Camariñas sobre A limpeza do mar na Costa da Morte”, collendo o relevo do documento asinado no Couto o pasado 2017.

A Declaración de Camariñas di o seguinte:

Os abaixo asinantes, en nome das súas respectivas organizacións, asumen o compromiso de previr e minimizar a contaminación do mar por residuos plásticos no desenvolvemento das súas tarefas profesionais, tanto a bordo coma en terra, facendo unha chamada de atención ao Corredor Marítimo de Fisterra.

Ao mesmo tempo, demandan á sociedade galega en xeral e ás institucións que lles representan en particular, o respecto polo seu ámbito de traballo, a implementación de solucións para evitar vertidos tóxicos e ilegais no mar, un necesario apoio para levar adiante traballos de recollida e retirada do lixo plástico no noso litoral e a colaboración para organizar charlas e campañas públicas de información e concienciación ambiental.

Medidas todas que teñen por obxectivo atallar, na súa orixe, as fontes de contaminación orgánica e dos plásticos no mar a fin de conservar limpo, saneado e productivo o noso medio mariño para o uso e disfrute da presente e das futuras xeracións, nunha Costa da Morte que sexa tamén a Costa da Vida.

Novas relacionadas

Comentarios