Concellos ou Xunta: Quen ten que pagar os gastos da xestión ética do abandono de animais?
Concellos como Cee, en época de verán, chegan a gastar case 2.000€ ao mes para solventar, dun xeito responsable, o problema do abandono de animais. Son moitos (non todos), os Concellos que se veñen poñendo ás pilas na materia, e que xa cumplen as leis contratando unha empresa que recolla os animais, e os manteña ata que consiga unha adopción.
Na comarca temos á empresa XEA (Xestión Ética do Abandono), que leva anos intentando que os Concellos fagan esta labor responsable e eticamente.
Pero quen paga os seus servizos? Os Concellos? Por que non a Xunta?
Esa é a pregunta que se fai o Concello de Camariñas, que recoñece que para conseguir cumprir a lei de Benestar Animal ten que empregar arredor de 60.000 euros anuais.
O goberno local de Camariñas é o primeiro en levantar a voz instando á Xunta de Galicia a que “tome medidas contra o elevado gasto que supón aos Concellos o cumprimento da devandita lei”.
Para a alcaldesa socialista Sandra Insua, “atribuíronsenos unhas competencias sen outorgarnos ningún tipo de financiación para poder asumilas con certas garantías”,
En todo caso, Insua está satisfeita co sistema porque “os veciños e veciñas de Camariñas valoran o servizo que prestamos, esforzámonos para atender todos os casos porque cremos que é algo esencial a pesar do gasto que supón”.
NOVAS RELACIONADAS
- As “salvadoras” conciencian sobre o abandono de animais.
- Salvacadelos: 12 anos expandindo a rede de adopción.
- XEA: “É moito máis barato facer que baixe o abandono, que asumir a situación actual”.