Unha limpeza por Man para volver ás orixes
Este 28 de decembro cumpríronse 20 anos do pasamento de Man, que falecía pouco despois de que o chapapote asolagase o seu mundo. E para conmemoralo, a Asociación Mar de Fábula, quixo volver ás súas orixes. En 2014, a entidade realizaba no Xardín de Man a súa primeira limpeza, e onte os voluntari@s camelláns e de toda a provincia rendéronlle así a mellor homenaxe posible.
Foron 13 as persoas que desafiaron o tempo, entre as que estaban dous sobriños de Manfred Gnadinger, Clemens e Alexander e unha amiga deles, Anja, que viñeron dende Alemania para honrar a memoria do seu tío.
”Foi unha xornada moi emotiva, pensamos que MAN estaría orgulloso de todxs nós, da labor da asociación, da súa familia, pero por riba de todo, dxs veciñxs de Camelle”, explican dende a entidade.
Malia que o Xardín parecía limpo, despois da batalla contra o lixo demostra que o plástico está en todas partes. Atoparon 145 anacos de plástico brando ou envoltorios, 175 anacos de porexpan, 36 botellas de plástico, 12 latas, 54 anacos ou pezas de plástico duro, 27 tapóns, 14 bastonciños de algodón, 10 paos de bateas, 7 kg. de cabos e chicotes, 5 máscaras, 8 portalentillas que seguen a aparecer despóis da perda dun contedor no mar hai xa 4 anos…
A entidade agradece a colaboración do Asociación de Veciñxs A Pergoliña de Camelle, e ao Concello de Camariñas, coma sempre, polo seu apoio loxístico, para recuperar así, na medida do posible, a dignidade de Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle, MAN.