MAN: O crebeiro artista
Continúa, despois do primeiro Obradoiro creativo, o proxecto “MAN: Mar, Arte e Natureza”. Es fin de semana tivo lugar en Camelle o segundo obradoiro, un encontro que segue traballando na posta en valor do porto pesqueiro de Camelle e na recuperación do legado artístico de Manfred Gnädinger, o Alemán de Camelle.
Este pasado sábado 16 de maio, o mestre foi o escritor Chisco Fernández Naval, que comezou cunha charla de aproximación literaria e artística ao valor, dende sempre, o home deu ás crebas, ata o extremo de dar orixe á profesión de crebeiro, xerando con ela unha serie de lendas e ritos relixiosos.
Hoxe, a reciclaxe tórnase tan necesaria para a nosa supervivencia física como artística. E semella que a profesión de crebeiro xa non significa o mesmo. Os maires buscadores de tesouros entre os refugallos son dous tipos, os coidadores dos nosos areais (fundamentalmente asociacións ecoloxistas e medioambientais que organizan limpezas de praias como Mar de Fábula, Os Guerreiros do lixo, O Canto da Balea ou Asoar Armega) ou artistas que peitean os areais na procura de cabacos (grandes troncos), pacas de algodón ou caucho, ou outros obxectos susceptibles de seren reciclados e convertidos nunha peza con valor.
Intervindo na area
Despois de repasaren as citas literarias, tocou traballar cos pés na area. Tocou subir os pantalóns na praia da Lobeira, preto de Arou, onde se fixeron moitas e interesantes intervencións entre os participantes:
A viguesa Isabel Alonso traballou en múltiples pezas entre as que cabe destacar unha realizada con restos de madeira e redes que trouxo o mar, con restos de pequenos crustáceos, de algas, de bucinas… convertíndose nunha reflexión sobre o ciclo da vida e a morte, dándolle unha segunda vida a estes obxectos inertes.
A pontevedresa Delia R. Vilavedra usou crebas da propia natureza, con esas pedras redondeadas que tanto lle gustaban a Man, e sobre un leito de chorimas fixo unha liña de maio na beira do mar, un camiño que só duraría unha marea, pero a arte efímera é o que ten.
De Vigo tamén estivo Alejandra Sampedro para usar unhas vértebras e un exoesqueleto; a poeta Soledad Pite, que fixo un caderno onde as crebas serven de elemento decorativo.
Houbo espazo para a fotografía, co ourensán Jorge Valenciano, que lle chamou a unha peza Tragamares. E para a acuarela, con Marga Santiago.Cristina Ferrández e David Hérguedas traballaron xuntos e Marta Clavo, a artista máis nova do grupo, creou a obra “Posto Crebeiro”.
As dúas artistas camellás, Mar Tajes e Marta Caamaño, realizaron varios traballos entre os que destaca un precioso cadro cheo de crebantes.
Foron máis os artistas que traballaron sobre o terreo, pero esta é unha pequena descrición do traballo colectivo, que rematou cunha posta en común das imaxes realizadas.
Novo obradoiro: "MAN como produto turístico"
Non sabemos se ao propio Man de Camelle lle gustaría este titular, pero a nosa obriga é renderlle eterna homenaxe e facer do seu legado patrimonio. Por iso, o segiuinte obradoiro se chama así, “Man como produto turístico" a realizar o 6 de xuño na Casa do Alemán de Camelle.
Xa te podes inscribir en 629 818 199 ou [email protected].
Máis información
Novas relacionadas
- Mar, Arte e Natureza para recuperar a base de creatividade o legado de Man.
- Obradoiros de Mar, Arte e Natureza co MAN de Camelle.
- Man de Camelle ten a súa estatua.
- Man de Camelle xa ten o seu proxecto de rehabilitación.
- Recunchos da Costa: O Museo de Man de Camelle.
- #7marabillas: Museo de Man de Camelle.
- Lorena en Verde: Man de Camelle.
- #12anosdoPrestige.
- Fotodenuncia: O Museo de Man, en coma.
- Os voluntarios da Fundación Man de Camelle protestan ante a impasibilidade das administracións cunha velada.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).