Venres. 19.04.2024
El tiempo

O clero tamén esixe á Xunta a paralización da venda das centrais de Ferroatlántica

O clero tamén esixe á Xunta a paralización da venda das centrais de Ferroatlántica
pancarta-de-ferroatlantica-na-fervenza-do-ezaro-foto-juan-louro A pancarta que loce na fervenza do Ézaro. Foto-Juan Louro

Arciprestes e párrocos das 75 parroquias de Duio, Nemancos e Soneira veñen de enviar unha carta ao Presidenta da Xunta e aos representantes de Ferroatlántica. Nun manifesto asinado por Manuel Vázquez Formoso, Arcipreste de Duio, Jesús Nieto Baneira, Arcipreste de Nemancos, e Enrique Redondo Mella, Arcipreste de Soneira lembran que as concesións levaron sempre a condición indispensable da non segregación das centrais e a produción de ferroaliaxes, esixindo en cada cambio de titularidade o mantemento dos postos de traballo das fábricas, como o rubrican numerosos documentos e mesmo as sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo.

Por iso temen que se hai venda e segregación, outra empresa podería “traizoar a finalidade das concesións”.

Lembran tamén as expropiacións de propiedades e dunha parroquia case completa, con igrexa e cemiterio incluídos. Non esquece a morte por silicosis de máis de 200 persoas polos traballos nos túneles e nas propias fábricas.

E sobre todo, quere recordarlles a Feijoo e Villar Mir que “a auga dos nosos ríos e da chuvia, non é propiedade de ningunha empresa, son propiedade desta terra nosa, administradas polo goberno de Galicia e o Estado Español”.

”Esperamos que este grito da comarca de Fisterra sexa escoitado obrando en consecuencia”, piden os párrocos, esixindo á Xunta que paralice, “ como fixo no seu día o presidente Fraga”, este intento de venda.

Fábrica de carbón vexetal

Onte, a empresa do grupo Ferroglobe anunciaba que se a Xunta lle permite vender as 12 centrais hidroeléctricas españolas e as dúas francesas, investiría 9 dos 800 millóns de euros que lle reportaría a venda, na construción dunha fábrica de carbón vexetal. Unha fábrica que podería crear 96 postos de taballo pero sobre a que a empresa non sinalou a súa hipotética ubicación.

Para os traballadores de Ferroatlántica o anuncio é “unha tomadura de pelo”, e non toman en serio esta promesa. “Máis serio sería a construción do prometido terceiro forno de Dunbría”, sinalan os párrocos igualmente.

 

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios