A oposición critica varios puntos da rehabilitación da Lonxa Vella de Camariñas

Aprobaba o grupo de goberno no pleno deste martes a solicitude da subvención á Deputación da Coruña, para a primeira fase do Museo dos Naufraxios. Despois de varias intentonas, e de solventar un informe de demolición que afectaba ao edificio, o Concello recibirá 330.000€ da Deputación da Coruña para desenvolver un proxecto de 430.000 (o Concello terá que poñer 100.000€) para habilitar a a Sala de Exposicións ‘Beti Donosti’.
Un procedemento que non aprobaron os dous grupos da oposición. Por un lado, o Partido Popular”, que se abstivo na votación, lamentou “a actitude do goberno do PSOE de Camariñas de ignorar á oposición saltándose incluso os procedementos habituais”. A portavoz do PP, Paula Mouzo Mas, recriminou “a falta de diálogo coa oposición e o que é máis grave, que non se celebrara a preceptiva comisión informativa, polo que houbo que votar unha urxencia dubidosa”.
Pola súa parte, o BNG de Camariñas explica o seu voto en contra, ao considerar que “deber ser Portos de Galicia, como propietario do inmoble, o encargado de rehabilitar o edificio, ademais de que levar a cabo o Plan Especial sobre o porto”.
O voceiro da formación nacionalista en Camariñas, Xurxo Rodríguez, manifestou que “o goberno local tería que deixar sen efecto a cesión dese espazo e exixir a Portos que o arranxe; o Concello vai a rehabilitar un edificio que non é de titularidade municipal”. O portavoz do BNG camariñán propuxo na sesión plenaria que “o diñeiro que o Concello vai a destinar a reformar a antiga lonxa sexa dedicado a realizar zonas de xogo para a rapazada e a amañar o parque infantil da escola de Camelle”.