Os profesionais do mar de Camariñas fórmanse para crear experiencias de turismo mariñeiro
Sempre o repetimos: a formación hostaleira é fundamental para seguir facendo do turismo un dos nosos motores económicos. É tremendamente necesaria a formación no sector para ofrecer un servizo de calidade e apostar por novas fórmulas, como as do turismo mariñeiro, na que están a traballar nestas últimas datas por Camariñas.
I é que veñen de presentar as Xornadas de Turismo Mariñeiro para os profesionais do mar enmarcadas no programa formativo do “Plan de Dinamización do Sitio de Interese Nacional Cabo Vilán. Camariñas, o mar todo”. En xuño e xullo pasado, comezaron a impartirse as accións formativas teórico prácticas destinadas á creación da Rede de Turística de Camariñas.
As Xornadas de Turismo Mariñeiro están divididas en cinco reunións, contando o evento de hoxe, que terán lugar ata o 25 de agosto no Centro de Iniciativas Informáticas. As temáticas a tratar serán transversais para darlle a oportunidade aos participantes de que adquiran os coñecementos que lles permitan crear no futuro inmediato as súas propias experiencias de turismo mariñeiro.
- Introdución ao Turismo Mariñeiro e sesión práctica sobre como deseñar unha actividade turística. Mércores 13 de agosto ás 09:30h.
- Obradoiro de experiencias con empresarios galegos. Luns 18 de agosto ás 10:00h.
- Excursión pola vila mariñeira de Camariñas. Xoves 21 de agosto, ás 10:00h.
- Experiencia piloto de turismo mariñeiro. Luns 25 agosto, ás 10:00h.
Curso certificado
O Concello de Camariñas entregará certificacións de asistencia e contidos a quen que realice as 5 actividades. Os interesados, profesionais do mar, mariscadoras ou familiares, aínda se poden inscribir na Casa de Pedra de Camariñas.
O “Plan de Dinamización do Sitio de Interese Nacional Cabo Vilán. Camariñas, o mar todo” é un proxecto enfocado ao desenvolvemento dun produto turístico unido ao mar, á dinamización da vila e do sector turístico para ofertar un mellor servizo e facer un destino máis atractivo e cohesionado. Promovido polo Concello de Camariñas, está financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira, GAC3 Costa da Morte.
Novas relacionadas
- Os hostaleiros de Camariñas crearán un menú mariñeiro propio.
- Camariñas crea unha Rede Turística para unir o sector hostaleiro.
- A actividade cultural no Faro Vilán permite aumentar nun 40% o número de visitantes.
- O Vilán, o Faro dos Faros.
- Un ano de actividades no Faro Vilán cos Empresarios de Camariñas.
Fonte
- Empresarios de Camariñas.