O PP provincial realizou unha reunión comarcal en Camariñas
A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, reuniu onte en Camariñas a alcaldes, voceiros, concelleiros e colaborades de toda a comarca da Costa da Morte, nunha cita coa que os populares pretenden “seguir ao pé” e coñecer de cerca os problemas e as necesidades dos veciños da zona.
Acompañado polo secretario xeral, Evaristo Ben, polo vicesecretario de Organización e Territorio, Gonzalo Trenor, Calvo incidiu na importancia de levar a cabo este tipo de reunións. “Para nós é fundamental poder escoitar a todo o mundo, e non so aos alcaldes e aos portavoces. É a única maneira de estar ao tanto do que sucede nos vosos concellos e é a mellor forma de poder acertar coas decisións que teñamos que tomar”, apuntou o presidente provincial.
Tamén os voceiros dos grupos municipais tiveron tempo para trasladar as súas inquedanzas, véxanse os problemas coa financiación do Servizo de Axuda no Fogar, os gastos que provocan os animais abandonados coa nova Lei, ou a subida do lixo.
Situación autonómica e estatal
Calvo aproveitou a súa intervención para referirse e comparar á situación política actual que vive a comunidade autónoma de Galicia e a que estase a dar no resto do territorio español. Da primeira, o líder dos populares destacou que o Goberno que encabeza Alfonso Rueda aprobará nas próximas semanas os orzamentos para o ano 2025. “Iso de que Galicia é unha illa de estabilidade demóstrase con feitos. Feitos que falan por si sos e que permite que os galegos poidamos estar máis tranquilos porque temos un goberno que fai os seus deberes e que planifica con tempo”, subliñou.
Por contra, lamentou Calvo, o Goberno Central segue inmerso en asuntos xudiciais, en posibles casos de corrupción e sen aprobar as contas do ano que vén. “Por moito que tenten vender outra situación, por moito que utilicen a propaganda e os medios para camuflar a realidade, a xente é consciente da gravidade da situación que vivimos”, apuntou o popular, quen insistiu que, a pesar de iso, non prevé que se celebren eleccións xerais nos próximos meses. “Cando tocará ir ás urnas só o sabe Sánchez, pero xa vos adianto que será única e exclusivamente cando lle interese”, puntualizou.
Como non podía ser doutra maneira, o líder dos populares na provincia tivo palabras tamén para a traxedia provocada pola DANA que azoutou a comunidade valenciana e outros puntos do territorio español. “Todos estamos moi pendentes do que sucede e, sobre todo, todos, desde o Goberno da Xunta, puxémonos ao dispor para axudar cos medios materiais e humanos que se necesiten”, explicou Calvo.