Martes. 22.09.2020
El tiempo

Sebastián Vázquez: "Ao chegar ao final do Camiño hai que cruzar para chegar ao paraíso, que está en Camariñas"

Foto de XM Lema - Adiante Galicia
Foto de XM Lema - Adiante Galicia
Sebastián Vázquez: "Ao chegar ao final do Camiño hai que cruzar para chegar ao paraíso, que está en Camariñas"

O fin último do Cristianismo, así como doutras moitas relixións, é a promesa do máis alá e chegar finalmente á terra prometida, o paraíso. Unha promesa que, tal e como está configurado o Camiño de Santiago nestes momentos, non se está a cumprir. Mais o escritor Sebastián Vázquez da unha alternativa na que ofrece esa chegada ao edén, que sería Camariñas. No seu último libro El camino de Santiago y el Juego de la Oca, que será presentado este xoves 27 de agosto no Museo do Encaixe ás 12:00 horas, explica as claves que levan ser esta vila mariñeira o colmen dun itinerario alternativo ao Camiño Inglés chamado o Camiño da Resurrección.  el camino de santaigo y el juego de la oca

Este camiño, segundo indica o autor, forma parte do patrimonio lendario, mais tamén se xustifica no propio cristianismo. “Hai que ter en conta que o Camiño da Resurrección reúne por un lado un código cristián, que está presente e moi vivo porque forma parte da súa crenza principal o tema da Resurrección, pero tamén está presente en idearios, por exemplo, das relixións mistéricas”, afirma Vázquez. Así é que, esta sería unha visión dende a perspectiva da tradición esotérica e iniciática do Camiño de Santiago, no que se unen a mística, coa historia e o pensamento relixioso, entre outras moitas cousas.

O Camiño da Resurrección estaría baseado no código do xogo da Oca, unha guía que amosa nun mapa as etapas do Camiño cos seus hitos e probas. A viaxe conta cun total de 62 casillas e 14 ocas, sendo a última o Xardín da Oca, a chegada ao paraíso. Estas 14 ocas tamén farían un paralelismo coas 14 etapas do Via Crucis.

Ademais, outro dos datos que evidencia esta teoría é que o nome da Virxe do Carme, patroa de Camariñas, provén do nome árabe “karmel”, que significa “xardín”, que ademais fai referencia ao Monte Carmelo, na terra Santa, onde tamén se apareceu a Virxe. Un lugar que para as culturas de Oriente, os xardíns representarían o Paraíso na Terra.

Por outro lado, neste ideario da promesa do paraíso, en moitas relixións a figura do barqueiro é a encargada de levar ás almas ata o outro lado para poder alcanzar a terra do edén. Segundo indica Vázquez, en Chorente existe unha lenda que afirma que un barqueiro levaba ás ánimas cruzando o mar. Deste xeito, logo de chegar a Muxía, o Camiño non remataría alí, o peregrino ten que seguir. “Ao chegar ao final do Camiño, cando o peregrino cumpre esa última etapa, ten que visitar o paraíso. Hai que cruzar para chegar ao paraíso, e ese paraíso está en Camariñas", afirma o autor.

“As tradicións moven”

A día de hoxe, é impensable o Camiño de Santiago sen o seu tramo ata Fisterra ou Muxía. Mais, Camariñas pode realmente chegar a ser outro enclave do Camiño nun futuro? Sebastián Vázquez apunta que “hai 20 anos ninguén ía a peregrinar a Muxía. Se lle preguntas a calquera persoa maior de Fisterra que vivise o franquismo, ninguén peregrinaba ata ali tampouco daquela”. Segundo indica, dende sempre houbo un pensamento dominante, e durante séculos, dentro da ortodoxia católica, o Camiño remataba en Santiago e nada máis.

O que pasou nestes lugares e que “as tradicións moven”, afirma Vázquez, quen asegura que “todo isto é novo e pouco a pouco se vai incorporando”. Para el, Camariñas non sería unha excepción xa que hai unha morea de mitos e elementos que se entrelazan dando significado á súa peregrinaxe.

De feito, a proposta que anunciou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, de destacar a vila como un destino especial dentro do itinerario do peregrino podería ser algo bastante doado de realizar segundo comenta o autor. Son moitos os lugares que a través da historia ou as lendas, conseguiron crear celebracións ou puntos emblemáticos de visita que reúnen anualmente a centos de persoas como pode ser O Asalto ao Castelo en Vimianzo, por exemplo.

Santiago Vázquez cos concelleiros de CamarinasSebastián Vázquez, segundo pola dereita, cos concelleiros de Camariñas.

Neste caso, para Vázquez, Camariñas non só reuniría o factor místico senón tamén o histórico e relixioso, ademais de contar con outras grandes características propias do lugar como é o Encaixe. Este último factor é o que xa fai que Camariñas sexa un lugar recoñecido, polo que darse a coñecer polo Camiño da Resurrección é un tarefa simple. Vázquez teno claro: “Eu creo que Camariñas, axudándolle con algún folleto ao visitante que ven facendo o Camiño dende outros lugares, con que lles explique a historia, os lugares que debe visitar e os horarios de visita; con iso sería suficiente”.

Mais tamén, o autor, a pesar de que recoñece que en Galicia e na Costa da Morte “ hai un patrimonio cultural tremendo”, evidencia que adoita estar moi descoidado en relación á súa explotación como un ben turístico. “Eu non creo que haxa moitos lugares onde sexa tan difícil facer visitas como en Galicia. Moitas veces é difícil visitar moitos sitios porque hai unha enorme falta de sinalización, por un lado, e por outro, porque sempre adoitan estar pechados”, explica o escritor.

É por iso que, Vázquez comenta que un dos asuntos pendentes, xa non só para Camariñas, senón para toda a Costa, é que as expectativas equivallan á realidade. O escritor pon como exemplo á igrexa de Moraime, que reúne un material cultural excepcional coas pinturas sobre a morte dos sete pecados capitais. Algo que o autor define como “unha xoia”, pero que dificilmente se pode ver porque “sempre está pechado”, agás cando hai misa.

iglesia virxe do monteIgrexa da Virxe do Monte.

No caso camariñán, o autor apunta que a Virxe do Monte nin está sinalizada, algo que se pode arranxar facilmente cun simple cartel. Con isto, e brindándolle a posibilidade aos peregrinos de poder visitar os lugares clave, pouco máis faría falla. “Aquí en Galicia a beleza está garantida. Se ti fas vir a viaxeiro, non se vai sentir case nun defraudado. Se a parte o subes á Virxe do Monte, a parte da lenda e o paraíso, poucas vistas tan fermosas hai coma esas”, afirma Vázquez.

comentarios