Xoves. 12.12.2019
El tiempo

Unha obra de arte por mes no calendario da Comisión de Festas do Carme de Camariñas

Purificación Lema del Río, artista que realizará as paisaxes dos calendarios.
Purificación Lema del Río, artista que realizará as paisaxes dos calendarios.
Unha obra de arte por mes no calendario da Comisión de Festas do Carme de Camariñas

A artista porteña, Purificación Lema del Rio prestou a súa colaboración altruísta á Comisión de Festas do Carme para a confección dun calendario único destinado a recadar fondos para o programa de festas do próximo ano 2020.

Para cada mes, Purificación Lema del Rio creou unha acuarela única,  que reflicte unha paisaxe, un motivo ou un acontecemento onde se senten representadas tódalas parroquias e tódolos habitantes de Camariñas. Esta colaboración extraordinaria converte un modesto calendario nunha obra de arte única e irrepetible xa que, cada unha das láminas é orixinal e creada en exclusiva  para que poida ser enmarcada e pasar a formar parte do patrimonio de cada unha das persoas que, xenerosamente, adquira un calendario para controlar o paso do tempo e, ao mesmo tempo, colaborar no financiamento das festas patroais.

Os calendarios estarán a venta en próximos días ao prezo de 5 euros que serán destinados, integramente, a financiar o programa de actividades do Carme 2020. Dende a Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carmen de Camariñas” amosan o seu agradecemento por esta colaboración que, en moitos aspectos da mesma, “é única e impagable”, afirman.

Sobre a artista:

Purificación Lema del Río (Ponte do Porto, Camariñas, A Coruña, 1971)

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, na especialidade de Deseño Gráfico. Realiza estudos na escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela do módulo formativo superior de Xoiería Artística.

A súa obra pictórica encádrase nunha figuración expresionista de amplo trazo, que aborda desde diferentes técnicas: pintura, debuxo, gravado. Realiza diversas exposicións tanto individuais como colectivas en Salamanca, Santiago de Compostela ou no Castelo medieval de Vimianzo…

Firme defensora dos valores educadores e  curativos da Educación Artística, desde unha perspectiva transversal e inclusiva, exponse o reto de iniciar e sacar adiante a Escola de Arte do Concello de Vimianzo, que dirixe desde o 2009. Poñer en contacto a persoas de diversas xeracións, procedencia e intereses, de ámbitos completamente alleos, coa arte e a súa práctica, lévana a converterse nunha entusiasta activista cultural que loita por involucrar ás institucións neste magnífico proxecto e lograr así complementar os cursos con viaxes artísticas educativas que lles poñan en contacto con xoias albergadas no Prado, a Thyssen e proximamente a Tate  Gallery.

Na actualidade está inmersa nun proxecto pictórico centrado na natureza, onde o xesto amplo exprésase en gran formato.

Comentarios