Os visitantes seguen pedindo subir á lanterna do Faro Vilán
- O Faro Vilán recibiu máis de 11.000 visitantes durante o verán
Acaba a temporada de verán e o único Faro aberto da Costa da Morte ponse en horario de inverno e fai balance. Non poden ser máis positivas as impresións da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, a brava entidade que coida o Faro, abrindo as portas, utilizándoo como un dos únicos puntos de información turística fiables, e ademais dándolle contido a base de exposicións.
A entidade segue colleitando información dos visitantes a través de enquisas, e os turistas seguen pedindo a visita á lanterna. Lamentablemente parece que hai pouca recepción en Portos de Galicia para afrontar este desafío, que sería, sen dúbida, un reclamo para toda unha comarca, pero é que nin se abren as portas a poder subir ao edificio da lanterna, para poder vivir a experiencia de subir ese túnel de escaleiras… Tan difícil é abrila?
Cifras de visitantes
Con todo, a entidade valora positivamente as cifras de visitantes ao Faro. Durante o mes pasado visitaron o faro Vilán un total de 6.443 persoas, superando a barreira das 6.066 persoas que o visitaron en agosto do 2023.
Así, nestes tres meses de verán, xuño, xullo e agosto pasaron polo Faro Vilán un total de 11.405 persoas, mantendo as cifras do ano pasado (11.337 persoas, das que 3.277 persoas chegaron en xullo, e 1.685 en xuño).
En canto á procedencia, máis dun 80% foron visitantes nacionais, dos que algo máis do 20% son galegos (maior a presenza no mes de xuño).
Arredor do 30% dos visitantes nacionais que recibiu este verán o Faro son madrileños, seguidos dos procedentes de Cataluña (16%), sendo tamén procedentes de Castilla y León, Andalucía, País Vasco ou Valencia.
Se falamos dos visitantes estranxeiros, houbo moitos italianos, alemáns e franceses, pero tamén atopamos, británicos, portugueses, suizos, rusos, ou mesmo de América ou Asia.
Horario de inverno
Durante os meses de setembro, outubro e novembro o horario é de mércores a domingo de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00 horas. Os luns e os martes estará pechado e a finais de novembro pechará ata a nova tempada do 2025.
Máis novas
- Xuño 24: O Faro Vilán segue medrando con máis turistas e novas exposicións.
- Abril 24: O Faro Vilán, o único faro aberto da Costa da Morte, recibiu máis de medio millar de visitantes en Semana Santa.