23 millóns de euros de orzamentos no Carballo do 2014


Presentaba o pasado venres o Concello de Carballo os orzamentos para o 2014. Serán máis de 23 millóns de euros de gastos (un 7,03 por cento máis que en 2013) e practicamente a mesma cantidade en ingresos (o que supón un incremento do 2,92 respecto da previsión para o exercicio anterior).
Explicaba a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, que se trata duns orzamentos que "manteñen a regra de gasto e a estabilidade financeira" ademais de incrementar os ingresos e "asumir un elevado investimento real sen recorrer a préstamo".
Apostan ademais por unha "liña continuista" resaltando que "o orzamento de 2014 é un exemplo da boa saúde económica do Concello". E pon o exemplo da suba nun 11,5% dos investimentos reais, chegando case que aos 5 millóns de euros; así como a baixada da débeda viva deixándoa nun 5,97%.
1 millón de euros en acción e promoción social é a partida máis importante no apartado de gastos, afondando tamén na dinamización económica, como a posta en marcha da nova Biblioteca do Forum coa dotación de 15.000€.
En canto aos investimentos reais, cómpre destacar o "Proxecto Anllóns-Bardoso de saneamento e abastecemento de auga", cofinanciada por fondos europeos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), contará cun investimento de 2.745.742,76 euros en 2014, dos que 823.722,78 euros serán achegados polo Concello. Ademais, o Plan de Obras e Servizos e o Plan DTC da Deputación suporán 1.164.157,83 euros en mellora de vías no medio rural.
No apartado de gastos sempre é interesante valorar o gasto en persoal. En Carballo o gasto en persoal supón 6 millóns de euros, un 25% do orzamento total. Iso si, conta cunha baixada de 57.000€ pola eliminación do GRUMIR dada a restruturación de emerxencias da Xunta.
Máis información
Novas relacionadas
- Economía Municipal con Domingo Guerra: A Conta Xeral.