Venres. 03.05.2024
El tiempo

Un ciclo de conferencias polos 25 anos do Instituto de Estudos Bergantiñáns

Ruta do IEB pola Cidade Vella da Coruña
Ruta do IEB pola Cidade Vella da Coruña
Un ciclo de conferencias polos 25 anos do Instituto de Estudos Bergantiñáns

O IEB celebra este ano 25 anos da súa actividade, iniciada no ano 1999, logo da súa constitución como asociación cultural no Centro Social San Xoán Bautista de Carballo. Unha actividade centrada en coñecer, difundir e defender o patrimonio da comarca de Bergantiños.

Foron varios os programas de actividades desenvolvidos ao longo deste cuarto de século: convocatoria de premios de investigación sobre distintos aspectos da comarca e de libros publicados sobre a mesma,  programación de rutas ou viaxes culturais por Bergantiños, Galicia, e mesmo fóra da nosa comunidade. Programación de conferencias, mesas redondas, presentación de libros ou homenaxes, como o rendido ao que fora o seu presidente Xosé Pumar Gándara, etc.

Pero a entidade segue moi viva, e para celebrar o XXV aniversario, a asociación ademais da súa programación habitual, organiza un ciclo de conferencias sobre aspectos xeográficos, históricos ou culturais da comarca de Bergantiños,

Todas estas charlas terán lugar no Casino de Carballo ás 20 horas, en distintos venres dos meses de febreiro, marzo e abril.

Relación de conferencias a impartir:

  1. Territorio e pasaxe de Bergantiños, impartida  polo xeógrafo Augusto Pérez Alberti, venres 9 de febreiro.
  2. Potencial arqueolóxico de Bergantiños , que impartirá a arqueóloga Puri Soto, venres 23 de febreiro.
  3. A cabeza de lobo. Os Moscoso en Bergantiños,  que impartirá o historiador Luis A. Giadás Álvarez, venres 8 de marzo.
  4. Toponimia bergantiñá, impartida polo mestre e filólogo Fernando Cabeza Quiles, venres 21 de marzo.
  5. Historia da vila de Carballo, que impartirá o historiador Xan Fraga Rodríguez, venres 5 de abril.

Cartel Conferencias IEB_page-0001

Rutas ou visitas culturais para este ano 2024

Tamén haberá saídas:

  • a) Visita a Fisterra. Mes de marzo. Pola mañá visita ao cabo e faro Fisterra, retornar a pé á vila de Fisterra, con visita ao cemiterio de César Portela e á igrexa de Santa María das Areas. Pola tarde visita ao museo da Pesca e ruta pola centro histórico da vila fisterrá, guiada por Alexandre Nerium, poeta e guía do museo.
  • b) Ruta pola parte norte da península do Barbanza. Mes de abril. Pola mañá visita ás dunas de Corrubedo, dolmen de Axeitos, Castro de Baroña. Pola tarde, visita ao museo Marea e ruta polo centro histórico da vila de Porto do Son, guiada por un historiador local.
  • c) Viaxe a Asturias. Mes de maio. Visita a Cudillero, cabo Peñas, Luanco,Candás e Xixon.

BREVE HISTORIA DO IEB

O IEB constituíuse  como asociación cultural  o 14 de decembro de 1998, segundo acta fundacional asinada no Centro Social San Xoán Bautista de Carballo, pero ata o 12 de marzo de 1999 non se nomeará a súa Xunta Xestora que se responsabilizaría de rexer a entidade ata a constitución da Xunta Directiva do 29 de abril do ano 2000.

A asociación nace con intencionalidade de recoller, estudar e dar a coñecer a historia, xeografía, etnografía, socioloxía, lingua, arte e cultura de Bergantiños.  Promover a investigación e a publicación sobre a comarca.

Nos seus inicios puxéronse en marcha varias actividades como a convocatoria do Premio de Estudos Bergantiñáns para traballos de investigación sobre a comarca de Bergantiños, dotado con 100 000 pts (600€), patrocinado pola entidade Caixa Galicia e que mantivo a convocatoria entre os anos 1999 e 2007.

Outro premio que se convocou nos inicios da asociación foi o de Bergantiños desde o libros, que se mantivo durante tres edicións.

Outra  actividade que se puxo en marcha desde o principio foi o programa de investigación e visitas pola comarca denominado Andando por Bergantiños, que se mantivo activo ao longo da historia do IEB. Editáronse 19 caderniños que recollen información de 40 parroquias da comarca e realizáronse outras tantas rutas a pé por aqueles lugares de maior interese.

A partir do ano 2004 creouse o programa Andando por Galicia coa intención de coñecer aqueles lugares da comunidade galega que conservan un maior patrimonio natural e histórico. Visitáronse 24 vilas históricas galegas e as 7 cidades.

Desde o ano 2012 iniciouse o programa Andando por fóra de Galicia,  que ten como finalidade coñecer as cidades ou espazos naturais e históricos máis próximos a Galicia. Desde o comeza desta actividade levamos visitado 13 vilas ou cidades históricas pertencentes ao norte de Portugal, Principado de Asturias ou Castela e León.

OUTRAS ACTIVIDADES QUE SE REALIZARON

  • 1.Presentación de Libros, na maioría dos casos relacionados coa comarca de Bergantiños.
  • 2.Conferencias/charlas
  • 3. Mesas redondas
  • 4. Creación da páxina web da asociación (2019)  (ieb.gal)
  • 5. Homenaxe a Xosé Pumar Gándara (2020)

EDICIÓN DE LIBROS

  • 1.O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños (2020)
  • 2. O Chan da Embarrada, conxunto megalítico en Ferreira (Coristanco) (2021)
  • 3. Monte Neme, o Olimpo bergantiñán (2023)

Máis novas

 

Comentarios