39 comercios de Carballo apostan por reciclarse para mellorar


Formarse é a chave para a mellora da competitividade. Iso sábeno, cando menos, 39 comercios carballeses que están formando parte do plan de formación para a mellora da competitividade do comercio local, impulsado desde a Concellaría de Promoción Económica.
Un plan que trata de mellorar a calidade na prestación dos servizos, pero tamén de aumentar a conciencia de destino turístico - comercial entre os prestadores de servizos.
Esta semana remataba a segunda fase do proxecto coa entrega dunha guía informativa e diplomas a todos/as os/as participantes. Fíxoo despois dunha primeira fase centrada no coñecemento do sector, que incluíu unha análise DAFO e visitas do “cliente misterioso” a vinte locais; e unha segunda na que se levaron a cabo consultorías individualizadas.
Os resultados xerais foron presentados o mércores pola noite no Fórum Carballo por parte da empresa que desenvolve o proxecto, que ademais repartiu unha guía informativa a cada comerciante e esbozou cales deberían ser os seguintes pasos de cara á futura implantación dun selo que distinga a calidade do comercio carballés. O acto rematou coa entrega de diplomas por parte do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que reafirmou o compromiso do goberno municipal co sector e anunciou que ao longo deste ano realizaranse novas accións de formación e dinamización.
A idea é seguir “creando unha marca Carballo moi potente, pero sempre vinculada á calidade”, segundo sinalou o propio Regueira.
Fonte
- Carballo.