A ANPA do CEIP Bergantiños de Carballo tamén denuncia a desatención do alumnado con NEE por parte da Xunta
Dous meses enteiros de curso e seguen as comunidades educativas denunciando os recortes no ensino por parte do goberno popular da Xunta de Galicia. E nomeadamente, as queixas focalízanse na falta de atención ao alumnado con Necesidades Educativas Especiais, o que aínda fai máis grave a deixadez da Xunta.
Desde a ANPA A Granxa, informan da grave situación do CEIP Bergantiños de Carballo, pola falta de docentes e especialistas. Este curso, o colexio conta actualmente con 575 alumnos e alumnas. Destes, 20 están identificados e recoñecidos como alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE) e 180 teñen certificación como alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE). Son un 35% do total.
Ademais hai 50 pendentes de valoración por parte da orientadora do centro a petición dos titores, ante a sospeita de ser un caso que precise apoio. De ser así, esta porcentaxe iría ata o 43,5% do alumnado. Cerca da metade do alumnado do colexio con necesidades educativas e persoal insuficiente para atendelos.
Pero a pesar destas cifras, "no centro contamos cunha sola orientadora, e precisamente de aí parte o retraso acumulado nas avaliacións".
E non só iso, se non que moitos dos alumnos e alumnas que xa teñen recoñecida a súa necesidade de apoio, non o están a recibir porque os especialistas e docentes disponibles non teñen horas suficientes.
A isto cómpre sumar que a Consellería negouse a conceder ao centro o programa PROA+ (cando se cumplen os requisitos esixidos) e non respondeu a solicitude para dotar ao colexio dun grupo de adquisición de linguas co persoal para desenvolvelo, entre outros agravios.
As familias explican que "chega ao extremo de ter unha aula de 5º de primaria que excede o ratio legal, con 26 alumnos".
Por todo isto, veñen de presentar unha reclamación ante a inspección educativa sen ter, polo de agora, resposta alguna. Tamén, unha queixa ante a Valora do Pobo.