mércores. 11.12.2024
El tiempo

A administración denégalle o acceso ás terapias de intervención pedagóxica e logopédica ao pequeno Nico

Coidadora para Nico CEIP O Pindo
A administración denégalle o acceso ás terapias de intervención pedagóxica e logopédica ao pequeno Nico

Segue axitada a situación no CEIP O Pindo. Os recortes ao comezo de curso e os “ninguneos” durante estes últimos dous meses por parte da Xunta, levaron ás familias a protagonizar unhas serie de mobilizacións impactantes. A folga de outubro, as masivas concentracións ou a participación nos retranqueiros funerais das comunidades escolares carnotás dan conta da importancia que as familias lle están a dar a esta loita por un ensino público de calidade.

E como ao CEIP do Pindo sóbralle “educación emocional”, familias e nen@s seguen a denunciar o que entenden como ”violencia institucional” por parte da Xunta, que segue sen facer caso ás demandas do centro e segue sen enviar unha Coidadora para Infantil, a pesar de que hai un informe, ratificado este mes de outubro, que corrobora a necesidade dunha persoa Coidadora para Nico.

A familia levou o caso á Valedora do Pobo e solicitou unha xuntanza coa Xefatura Territorial de Educación, despois de que a reunión da semana pasada coa Inspección Educativa celebrada en Santiago non fose moi produtiva. Inspección segue negándonlle a Coidadora, instando a que o centro empregue para as funcións os profesionais dos que xa dispón. Familia e comunidade educativa insisten en que "as tarefas da Coidadora non as pode facer unha mestra". Sen coidadora, engaden, "o neno vai estar desatendido, a mestra saturada e os outros nenos tamén desatendidos e nun ambiente moi complicado”.

Apenas unha semana despois desa reunión, a familia recibiu a notificación da unidade de bolsas de A Coruña da denegación das Becas para o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio educativo. Unhas axudas que poden cubrir un ano de terapias, fundamentais para que as crianzas con NEE poidan acceder a terapias de intervención pedagóxica e logopédica.

A carta sinala que non se acredita conforme ás bases da convocatoria a necesidade específica de apoio educativo. A familia formulará as alegacións pertinentes aportando tódolos informes dos que dispón na actualidade nos que diferentes organismos públicos acreditan as necesidades educativas do menor: o Sergas; o Equipo de Orientación Específica provincial en dous informes diferentes emitidos nos meses de maio e novembro do presente ano; o Departamento de Orientación da escola no seu informe psicopedagóxico e o Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte. 

A familia, apoiada por toda a comunidade educativa, continuará coas mobilizacións ata facer posible que a Xunta do PP teña un compromiso real, como tanto predica, coas Necesidades Educativas Especiais.

Máis novas

Comentarios