“Gustaríame que "Buño de seu" fose un graniño máis de cara á posta en valor dunha artesanía que non ten nada que envexar ao arte con maiúsculas”
Impregnada en barro de Buño medrou María Barca. Unha desas artistas que son “Máis de Carballo que o pan”, que despois de ver mundo, deu xiro á súa vida para enfocala ao que verdadeiramente ama: a arte.
Acaba de presentar o seu Traballo de Fin de Grao na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. “Buño de seu” é un proxecto arredor deses obxectos que pasan polas mans dos oleiros e oleiras de Buño, por “dez pares de mans que manteñen viva unha tradición oleira que lles veu de seu pero que sobrevive gracias ao seu propio esforzo”. Son as mans de David Cambón (Obradoiro Cambón), Eloy e María (Feituras), Aparicio Añón (Olería Aparicio), Fran Gorín (Obradoiro Gorín), Marilá (Artesanía Marilá), Alberto Lista e José Antonio (Alfarería Lista), Tonio Corral (Forno do Forte).Lidia Suárez (cerámica Crearé), O Rulo (Alfarería O Rulo) e Santi (Casa Amalia La Cacharrera).
A mostra foi feita pública no espazo “Inédito” de Manuel Sendón (profesor da mesma facultado, afincado en Sardiñeiro). Sendón, que foi membro do xurado, deulle este empurrón á mostra, sobre a que falamos coa propia María.
- QPC: Supoñemos que, como bergantiñá, a olería de Buño forma parte da túa vida. Como nace “Buño de Seu”?
Comecei a traballar en "Buño de seu" en xaneiro deste ano pero, como dis, o meu interese xa viña de atrás por proximidade e admiración. Contactei con algúns dos oleiros e oleiras por teléfono e con outros chamando ás portas directamente; non esperaba que todos accedesen as entrevistas e retratos pero, para a miña sorpresa, non houbo dúbidas nin respostas negativas. E iso que lles roubei bastante tempo! Sempre me fixeron sentir moi ben recibida así que non teño máis que palabras de agradecemento para todas e todos sen excepción, foi un privilexio escoitar as súas historias e ver como e canto traballan.
- QPC: Que quere amosar?
O proxecto é, orixinalmente, un fotolibro dunhas cen páxinas formado limiar, epílogo e dez capítulos de imaxes e texto sobre cada un dos oleiros e oleiras de Buño. O obxectivo era centrar a atención neles e nelas como protagonistas e a súa experiencia persoal nun oficio ao que moitas veces non se lle da o valor que de verdade ten. Buño é realmente internacional e as súas pezas non son so agasallos das festas da volta, están a venda e teñen moito traballo e sacrificio detrás! Cada capítulo do libro inclue distintas imaxes ao redor das persoaxes, unha delas é a das ferramentas, outra do seu espazo de traballo, dalgunha peza, do taller... E tamén se lles ve a cara nalgún momento, claro.
Despois de varias visitas aos talleres pareceume que as súas ferramentas merecían unha atención especial por ser tremendamente persoais: son feitas a man na súa maioría e adaptadas ás necesidades e ocurrencias de cada quen en todos os casos. Fan ferramentas coas cousas máis comúns que se che poidan ocorrer, dende tenedores ata cepillos de dentes, sen deixar nunca as tradicionais coma a pluma de galiña ou a cana.
O máis importante para min neste proxecto era ser fiel á realidade e transmitir o que Buño xa ten de seu, pois non precisan portavoces. Aínda así, apenas hai rexistro escrito ou fotográfico da tradición de Buño na actualidade e moito menos dos oleiros e oleiras como protagonistas, que cada vez máis ven cambalearse o seu futuro ante a falta de relevo. Gustaríame que "Buño de seu" fose un graniño máis de cara á posta en valor dunha artesanía que non ten nada que envexar ao arte con maiúsculas.
- QPC: Con que outros proxectos andas? Que tal a participación no #MáisdeCarballoqueoPan?? Mola a campaña, non?
Polo de agora só espuxen este traballo na universidade para a presentación do TFG. Non puiden imprimir máis ca tres exemplares do libro pero ando chamando a distintas portas para tratar de editalo e publicalo; así que ese é o meu proxecto actual, rematar o que comecei en Buño coa fin de que vexa a luz.
Ao mesmo tempo comecei a facer prácticas de olería en Obradoiro Gorín, con Fran como mestre, e súmome a calquera proxecto artístico que vaia saíndo.
Así xurdiu tamén o de #MáisdeCarballoqueoPan. Apostando unhas polas outras conseguimos unha campaña moi chula, 100% local e maioritariamente feminina. Hai moita xente xoven con ideas, formación e ganas de traballar así que este tipo de oportunidades nas que acadamos certo recoñecemento motivan moito a seguir facendo.