Asociación Hostalería Carballesa: “Estamos fartos de discutir ca xente”

Despois da polémica xurdida polos vídeos gravados nun bar de Carballo, a Asociación Hostelería de Carballo quere amosar o seu “malestar e indignación ante uns feitos que nos resultan deplorables e ofensivos para o noso colectivo”.
A entidade quere deixar claro que “os hosteleiros non somos policías, simplemente comunicamos as normas, e os que non sepan ou non queiran respectalas non son benvidos aos locais da hostalería carballesa”, en sintonía co sentemento que onte nos trasladaba o propietario do local cando sinalaba que “non podía estar facendo de papá da xente”.
Os representates dos establecimentos queren facer “un chamamento a todos os usuarios da hostalería carballesa para evitar que se poidan volver a repetir uns actos que esperemos queden nun feito puntual. Rogamos colaboración a todo o mundo tanto coas forzas de seguridade coma cos locais de hostalería para acatar as normas vixentes, xa que na man de todos nós está poder facer fronte á situación que estamos a vivir”.
”Queremos condenar todo tipo de actos que poñan en risco a saúde física e económoca da nosa vila, onde a maioría dos locais intentamos cumplir as normas sin poñer en risco non ós nosos clientes nin os nosos empregados. Rogamos ós usuarios que intenten facer na maior medida o mesmo, respectando todas as medidas impostas, no caso de non ser así verémonos na obriga de comunicar as autoridades as infraccións. Pedimos que no caso contrario tamén sexan comunicadas, porque a seguridade duns repercute na de outros”.
Sobre a investigación aberta pola Policía Local, esperan que “o expediente se aclare todo o sucedido e sexan sancionados os responsables".