Venres. 26.04.2024
El tiempo

Aspaber conta cun novo vehículo adaptado grazas á Deputación

aspaber coa deputacion furgoneta
Aspaber conta cun novo vehículo adaptado grazas á Deputación

Recibía hoxe a familia da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber) un novo vehículo adaptado grazas ao compromiso da Deputación da Coruña. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do vicepresidente, Xosé Regueira, da deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, facían entrega desta furgoneta que permitirá  á entidade social dar servizo a 20 concellos da comarca de Bergantiños e a uns 120 usuarios que dependen deste trasporte para acceder aos servizos que presta a entidade social.

aspaber e Valentin Formoso
aspaber e Valentin Formoso

A directora de Aspaber, Dolores Fernández García, agradeceu á Deputación a entrega do vehículo, xa que o transporte dos usuarios e usuarias do centro é “un dos nosos principais cabalos de batalla diarios”. “Sen este recurso os nosos usuarios non poderían acceder a nosa atención”, afirmou a responsable do centro, que agardeceu a colaboración da Deputación para renovar o anterior vehículo, que xa tiña máis de 20 anos de servizo.

“Apoiamos ás entidades e as protexemos desde hai moitos anos nunha multitude de accións coas convocatorias de axudas ás entidades sociais, que fan un labor inconmensurable polas persoas con maiores dificultades e facilitamos os recursos e medios para mellorar os seus servizos. Aspaber realiza un traballo impagable na comarca de Bergatiños e tiñan a necesidade de mellorar o seu transporte adaptado, por iso lles entregamos esta ferramenta tan importante para o seu cometido”, afirmou o presidente provincial.

Comentarios