O BNG volve pedir medidas reais contra o “rocambolesco” funcionamento actual do bus A Coruña-Carballo

É a vila mellor comunicada de toda a Costa da Morte, e así e todo ten unha marea de problemas. Así está o servizo colectivo na Costa da Morte.
Como xa denunciaban a semana pasada, o BNG volve levar ao Parlamento a situación da liña de autobuses que une A Coruña e Carballo, cuia concesión pertence á multinacional Arriva.
O deputado Daniel Pérez denunciaba que o servizo está sendo "rocambolesco" e que "coa permisividade da Xunta do PP, discrimina ás centos de persoas usuarias da capital da comarca de Bergantiños fronte ás que se dirixen aos destinos finais da ruta".
Daniel Pérez defendeu unha iniciativa, contra a que votou o PP, para reclamar en primeiro lugar o reforzo inmediato da liña directa, establecendo saídas que partan de Carballo, fundamentalmente nas franxas horarias de maior demanda. Segundo explicou, na actualidade os buses desta liña, operada por Arriva S.L., parten de localidades como Fisterra ou Muxía, e cando chegan a Carballo xa non dispoñen o case non dispoñen de prazas baleiras, obrigando aos e ás veciñas a esperar polo seguinte servizo.
Pero o bus seguinte, argumentou, xa non é directo e tarda o dobre de tempo en chegar á cidade herculina, co conseguinte prexuízo para as persoas usuarias que a diario se desprazan desde Carballo fundamentalmente por motivos laborais o de estudos.
O deputado da comarca demandou tamén requirir á empresa concesionaria que estableza un sistema operativo que garanta o respecto da orde de chegada nos embarques nas estacións de Carballo e A Coruña. O PP votou tamén en contra malia o sistema “totalmente arbitrario” que aplica agora a empresa, que na estación herculina non respecta a orde de chegada á cola de embarque e son os propios condutores, seguindo ordes, os que dan a prioridade ás persoas que viaxan até o final da ruta (Fisterra), excluíndo ás que se dirixen a destinos intermedios, como é o caso de Carballo.
“Esta práctica da empresa concesionaria é claramente arbitraria, quebranta o principio de equidade e igualdade e non está amparada por ningunha normativa legal ou regulamentaria que sexa pública”, advertiu o deputado do BNG, para quen a Xunta está a amparar o “interese espurio, puramente economicista” da empresa concesionaria do servizo.