Carballo reduce 39 toneladas de residuos orgánicos co seu programa de compostaxe
07:18 01/03/16
Unhas 110 familias participan no programa de compostaxe caseira do concello de Carballo
Tras os bos resultados dos programa de compostaxe caseira de Carballo Limpo o goberno municipal xa traballa nunha terceira fase do proxecto na que se prevé implicar a 25 familias máis. Así, o concello de Carballo acaba de revisar datos e observou que este programa suposo unha reducción de 39 toneladas ao ano de residuos orgánicos que se depositan nos colectores verdes.
Este cálculo tense realizado nas 110 vivendas situadas tanto do medio rural como nas casas da contorna do casco urbano que nestes momentos xa contan co seu propio composteiro. O concello de Carballo valora estas cifras, que amosan que hai modelos alternativos para o procesamento de residuos que, efectivamente, funcionan. Deste xeito, e a través de Carballo Limpo, o concello continúa avanzando na redución de residuos sólidos, neste caso na eliminación da fracción húmida, que é a mais pesada e a que máis custe ten no seu tratamento.
Ademais, está previsto emprender unha terceira fase no programa de compostaxe caseira, coa implantación en 25 novas vivendas. Nestes momentos aínda hai algunha praza libre para quen queira participar e, coma en convocatorias anteirores, as vivendas que se queden fora desta fase pasarán a unha listaxe de agarda para ser incluídas en accións posteriores. Hai que lembrar que a reducción da 'quinta fracción' tamén é un dos obxectivos do programa Ti tes a chave, posto en marcha recentemente no concello e no que participan máis de 20 familias do barrio da Milagrosa. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo a través do web de Carballo Limpo <www.carballolimpo.com>. O Concello agradece de antemán a colaboración da veciñanza, non só neste proxecto, senón tamén coas chamadas que realiza ao 981 75 49 17 ou en Twitter en @CarballoLimpo.
Novas relacionadas
- A Milagrosa ten a chave da reciclaxe
- Os veciños de Carballo participan nun novo proxecto piloto de reciclaxe
- Cincuenta fogares de Carballo participan no programa de compostaxe caseira
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo