Carballo súmase á Hora do Planeta
06:53 24/03/17
Carballo é un dos quince concellos galegos que se suman este sábado á Hora do Planeta; unha iniciativa do Foro Mundial para a Natureza (WWF) que se leva a cabo dende o ano 2007 para expresar, mediante o xesto simbólico de apagar a luz durante unha hora, un compromiso contra o cambio climático e en defensa do medio ambiente.
O apagado masivo e simultáneo das luces - ao que están invitados toda a cidadanía, empresas e outras entidades - realizarase mañá sábado entre as 20:30 e as 21:30 horas. Participarán máis de 7.000 cidades de todo o mundo. En Galicia hai 15, e unha delas é Carballo, onde durante unha hora deixará de funcionar a iluminación pública da praza do Concello. Así xa o fixera na convocatoria do ano pasado.
A Hora do Planeta é moito máis ca un xesto unha vez ao ano. Dende o Foro Mundial para a Natureza defende a posta en marcha de proxectos e programas que potencien a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a mobilidade sostible; algo que se intenta poñer en práctica dende o concello de Carballo.
Recuperar os espazos públicos para a cidadanía e mellorar a mobilidade urbana co fin de reducir as emisións, instalacións de caldeiras de biomasa nos edificios públicos, o cambio das luminarias tradicionais por lámpadas LED son algunhas das accións promovidas dende as concellarías de Servizos e Medio Ambiente do concello de Carballo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo