O talento local, parte intrínseca da Mostra
- Comercio local, artesanía, postos internacionais e exhibicións artesás na XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas
- Os complementos e a inspiración mariña tomarán a pasarela do ArtEncaixe con Ana Trasariz e Estilo Aramar
Incomparable escaparate a Mostra do Encaixe para amosar o talento local. Esta trixésimo quinta edición virá cargada de artesanía e creatividade local, demostrando a alta calidade das nosas creadoras tanto de encaixe como doutras artes.
En clave encaixeira, participan este ano 12 postos de diferentes artesáns de Camariñas: El Rincón de los Sueños, Asoc. Prof. De Palilleiras Rendas, Asoc. Puntillas de Camariñas, Encaixa-T, Encajes Gelina, Encaixes Maruja, Resinheira, Galencaixe, Nadia en Vela, Ondas do Mar, A Tenda de María Rosa e Cornechiño de Lita.
Ademais, tamén se poderá desfrutar dos produtos de artesáns chegados de fóra: Ana Trasariz, Arte en Palla, Artesanía Nía, “As Nemanquiñas”, Asociación Palilleiras “A Nosa Señora da Barca”, Encaixes Arjomil, Encaixes Belén, Encaixes Lucita, Fils i Agulles Carme Espriu, Mulleres Rurais Moraime, Olería de Buño, Project Market 13 e Tejas Pintadas.
Ana Trasariz
Mención especial para a vimiancesa, que participa por primeira vez nos desfiles da Mostra, asumindo así unha gran responsabilidade como artesá, pero tamén unha honra enorme. "Faime moitísima ilusión porque é unha tradición moi arraigada na zona e que se valora en todas as partes do mundo. Tanto é así que as grandes marcas quixeron incorporalo nas súas coleccións, polo que é unha honra poder incluílo nos meus deseños", sinala.
A creadora, que volverá a ter stand propio, preparou unha estratexia dobre para a súa presenza en Camariñas. Por unha banda, presentará unha colección exclusiva para o desfile de ArtEncaixe conformada por bolsos de ombreiro, bandoleiras e bolsos de man cun deseño "máis rechamante e enfocado á pasarela". Pola outra, no seu stand porá á venda unha liña moito máis funcional e pensada para o día a día, con tote bags e accesorios para móbiles ou chaves.
O gran reto técnico de Trasariz foi integrar o encaixe sen que o bolso perda funcionalidade, coidando ao máximo a colocación dos apliques para que o fío "non estea exposto a roces continuos nin vaia posto directamente nunha cremalleira".
A súa principal mensaxe sobre a pasarela será reivindicativa: "gustaríame romper un pouco con esa idea de que o encaixe é algo antigo ou que só se ve no mantel da avoa. A Mostra leva anos demostrando que hai moitísimo talento e creatividade, e o encaixe é moito máis ca iso. Oxalá esta colección sirva de inspiración para outra xente que está empezando no mundo da moda", conclúe.
Tamén haberá espazo social e institucional coa Asociación contra o Cancro – Junta Local de Camariñas, Asocaición Virxe do Carme de Camariñas, Concello de Camariñas, Deputación da Coruña, Ponte Friki e contaremos tamén cun Punto Violeta.
Viviana Araujo
Outra que estará é Viviana Araujo. A deseñadora pontevedresa volve un ano máis á pasarela de ArtEncaixe coa súa firma Estilo Aramar, apostando por unha visión integral da moda. Este ano non só presentará os seus habituais e espectaculares complementos, senón que os acompañará dos seus propios estilismos completos.
A súa colección será un despregamento de elegancia e variedade, incluíndo propostas como blusas e pantalóns combinados con pamelas, vestidos con toucados, blusóns con sombreiros e elegantes chalés. Ademais, Estilo Aramar tamén presentará propostas de moda masculina, con estilismos compostos por chaquetiña, cinto e pantalón.
O proceso creativo de Viviana Araujo destaca pola súa complexidade técnica, xa que cada peza elabórase utilizando disciplinas distintas que acaban sumando e integrando as puntillas de encaixe de Camariñas. "Empregamos algunha técnica utilizando tinguiduras, traballos en pluma e técnicas varias", explica a deseñadora.
Todo este minucioso traballo artesanal e de deseño ten este ano un fío condutor moi claro e apegado ao territorio: "a intención é incorporar os encaixes coa riqueza do mar de Camariñas", convertendo a pasarela nunha homenaxe visual á contorna da Costa da Morte.
Encaixe internacional
Non faltará a comitiva internacional, con palilleiras e palilleiros chegados desde Córdoba e Bos Aires, en Arxentina; de Sofía, Bulgaria; de Krakovany, Eslovaquia; de Novedrate, Italia; de Bobowa, Polonia; de Serra d’el Rei e Peniche, Portugal e tamén de Arenis de Arenys del Mar, de España.
Máis novas da Mostra








