![curso-soldadura-carballo]()
Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron onte ao alumnado do curso de soldadura posto en marcha pola BDT do concello de Carballo
Os
quince alumnos que están a formarse no curso especializado de soldadura que se desenvolve no Fórum Carballo recibiron onte a visita do alcalde de Carballo - Evencio Ferrero - acompañado polo concelleiro de Obras e Servizo - Luis Lamas. Precisamente o curso, o primeiro organizado directamente polo concello de Carballo, está avalado polas principais empresas do sector: grupo Caamaño, grupo Alumán, Formas Inoxman e Mantiñán Lestayo. As catro figuran entre as usuarias da
Bolsa de Traballo (BDT) do concello de Carballo, á que recorren con frecuencia para captar profesionais cualificados para desenvolver actividades de fabricación e montaxe de estruturas, carpintería e caldeirería, revestimentos e infraestrutura, chapa fina para fabricación de mobles de almacenaxe e exposición, rotulación, cartelería e adhesivos, entre outros. E, de feito, ese tipo de traballos forman parte do programa formativo do curso que se está a impartir en Carballo, co obxectivo de facilitar a inserción ou a mellora laboral dos participantes.
Evencio Ferrero reiterou
o compromiso do goberno municipal coa formación orientada ao emprego, e o curso de metal é unha mostra dese compromiso. O concello de Carballo aposta pola formación propia e de calidade para impulsar a empregabilidade, ou tamén a mellora das condicións laborais, dos traballadores dun sector con tan boas perspectivas de futuro coma o metal. De feito, montadores e soldadores ou oxicortadores figuran no Servizo Público de Emprego de Galicia como dúas das profesións cunha “ocupabilidade laboral moi alta”, e o volume de ofertas que recibe a Bolsa de Traballo (BDT) do concello de Carballo, cun total de 40 postos no último ano, confírmao.
O alcalde e o concelleiro conversaron cos alumnos e co monitor - José Manuel Formoso Corral - que lles amosou algúns dos traballos realizados xa dende que comezou o curso, o pasado 7 de marzo. En total serán 616 horas de formación, 100 delas en prácticas en empresas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo