Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Cheo nas escolas infantís carballesas

Cheo nas escolas infantís carballesas

As dúas escolas públicas de Educación Infantil volverán a estar cheas o curso que vén e sen posibilidade de atender todas as solicitudes recibidas. Nestes momentos están admitidos 155 nenos e nenas e hai 119 en lista de agarda, pero, malia que na escola A Braña ábrese un período de matriculación ata o 31 de agosto para as quendas de tarde, a oferta seguirá sendo insuficiente.

Así o asegura a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que considera que “os datos poñen de manifesto a necesidade de dispoñer de máis prazas públicas que permitan dar resposta á demanda existente, que ademais vai en aumento, e favorecer a conciliación, e nese sentido fai unha chamada de atención á Xunta de Galicia para que asuma a súas responsabilidades como administración competente en materia de educación”.

A escola infantil As Landras conta cun total de 61 prazas divididas en catro unidades (unha para bebés de 0 a 1 ano, outra para os de 1 a 2, e dúas para os de 2 a 3). Neste momento estarían completas, xa que aos 58 admitidos hai que sumarlles as tres prazas (unha por cada grupo de idade) que deben quedar dispoñibles para situacións de emerxencia. En A Braña hai 102 prazas, aínda que neste caso a matrícula é superior porque funcionan as quendas de tarde. No grupo de 0 a 1 anos este ano quedan dúas vacantes, pero os de 1 a 2 e de 2 a 3 están saturados e cunhas listas de agarda de 51 e 14 bebés, respectivamente. Tamén se reserva unha praza por grupo de idade para atender posibles necesidades.

Bono Concilia

Por outra banda, a Concellería de Igualdade e Benestar lembra que ata o 26 de xuño está aberto o prazo de solicitude do Bono Concilia, unha axuda da Xunta de Galicia dirixida ás familias que escolarizan aos seus fillos e fillas de 0 a 3 anos en escolas privadas por non obter praza nas públicas que existen na súa localidade.

As persoas interesadas poden informarse e tramitar a solicitude vía electrónica a través da sede https://sede.xunta.es. Tamén poden asesorarse no departamento de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo, situado no ambulatorio vello.

Visita á oficina do DNI

Escolares de Carballo na oficina do DNI Escolares de Carballo na oficina do DNI municipal

Mentres, os alumnos e alumnas de 3º e 4º cursos do CEIP Xesús San Luís Romero visitaron a casa consistorial. Foron 25 nenas e nenos, que mantiveron un encontro co alcalde, ao que lle fixeron todo tipo de preguntas sobre o seu labor; percorreron as instalaciós municipais, recibiron unha explicación sobre o proceso de elaboracion do DNIe e da súa utilizade nas dependencias da Policía Nacional e remataron cunha didáctica visita á Policía Local.

Fonte

Comentarios