O Círculo Feminista remobilizou Carballo para berrar o #AbondaXa!
Un días despois da multitudinaria concentración convocada polo Concello, a veciñanza de Carballo demostrou que a repulsa non queda no día. Centos de persoas acodiron á chamada do Círculo Feminista de Carballo amosando un apoio total á vítima e a súa familia, e o seu rexeitamento ao comportamento machista da nosa sociedade.
A cada momento de emoción durante o manifesto, a xente rompía cun emotivo aplauso que sacou máis dunha bágoa, mentres Alejandra continúa, en estado grave, no Hospital.
MANIFESTO do Círculo Feminista de Carballo
Unha vez máis saímos á rúa para expresar a nosa repulsa pola violencia machista que aconteceu esta semana na nosa vila e que ten a unha veciña no hospital en estado grave. Hoxe estamos aquí por ela, con dor e rabia a partes iguais e desexando con toda a nosa alma que se recupere e poida volver cos seus fillos.
E tamén para criticar e pedir explicacións unha vez máis a este sistema patriarcal que permite que siga habendo todo tipo de violencias a diario cara as mulleres, cara a nós.
Urxe que toda a sociedade se comprometa para erradicar o machismo, pero, para isto, é fundamental a vontade política e institucional para mudar as leis patriarcais que culpabilizan e desprotexen tanto a nós, as mulleres, como ás nosas crianzas e para implantar a coeducación e a igualdade de xénero no currículo educativo en todos os seus niveis.
Do mesmo xeito, os medios de comunicación deben comprometerse a informar con responsabilidade e perspectiva de xénero, sen poñer o foco nas mulleres agredidas nin exculpar aos agresores. Porque iso tamén é violencia machista.
Porque todas as mulleres temos unha amiga, coñecida ou familiar que sufriu abuso, violación ou violencia verbal ou física. Todas. Porén, poucos homes recoñecen ter un amigo, coñecido ou familiar que exercese abuso, violación ou violencia verbal ou física contra unha muller. Non dan as contas.
Non, non era unha broma.
Non, non era a saia moi curta.
Non, non era que ía borracha.
Era él.
Necesitamos entender dunha vez por todas o que é realmente a violencia machista para que isto deixe de pasar. Para identificala e erradicala. E necesitamos que non os encubrades nin exculpedes. Porque iso faivos cómplices a vós e a nós mátanos.
Porque a violencia machista non empeza polos golpes, pero si acaba por eles.
Porque a degradación e os insultos tamén son violencia machista.
Hoxe é un “cala que ti non sabes”, mañá un “non vales para nada” e pasado “es unha puta”.
Íllante, mínguante e fante crer por todos os medios que son o único que tes para controlarte.
Pero non estás soa. Porque somos moitas. Porque estamos unidas. E porque cada vez estamos máis concienciadas. Pero, sobre todo, porque queremos vivir e vivir sen medo.
Por iso non imos parar ata conseguilo! Querémonos libres e vivas!