Venres. 29.03.2024
El tiempo

Denuncian a desfeita eólica que a Xunta preve instalar na zona mineira de Monte Neme

Fotografía do Monte Neme
Denuncian a desfeita eólica que a Xunta preve instalar na zona mineira de Monte Neme

Xa é unha auténtica desfeita mediambiental a zona mineira de Monte Neme. Absolutamente esquecida ademais, cun crómlech esperando que algunha administración o recupere como solicitan numerosas entidades.

Con todo, a Xunta vén de publicar no DOG un novo proxecto eólico nesta zona mineira sen restaurar. A empresa Enel Green Power España, S.L.U. prevé instalar 4 macroeólicos de 200 metros de altura no Monte Neme. “O proxecto de Endesa obvia todos os impactos paisaxísticos e patrimoniais do Monte Neme e incluso prevé unha liña evacuación que, superando todas as expectativas do que o malo pode ser incluso peor, contempla unha lonxitude e 15 km con 64 apoios e afeccións irreversibles para a Rede Natura ZEC Río Anllóns, á Área de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) Val fluvial do río Lourido, á Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño e ao Camiño de Santiago Vía Céltica ao seu paso polo val fluvial”.

Así o denuncian unha serie de entidades da comarca e de toda Galicia. Esta denuncia vén asinada por Plataforma Monte Neme de Carballo e Malpica de Bergantiños, Asociación ambiental Petón do Lobo, Comité pola Defensa das Rías Altas , Asociación galega Cova Crea , Plataforma non máis eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural , Asociación “O Ouriol do Anllóns” , Plataforma veciñal O Cerqueiral de Coristanco, Plataforma veciñal “As Salgueiras” de Ponteceso, Sindicato Labrego Galego, Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra (Asociación Senda Nova, Asociación Contramínate de Laxe, Asociación de Veciños de Cereo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños...etc.), Ecoloxistas en Acción Ortegal, Colectivo Apeom de Outes, Plataforma Quijote, Ecoloxistas en Acción Costa da Morte, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde en Lugo , Plataforma Stop eolicos de Paradela, Movimento Ecoloxista da Limia, Asociación Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, Plataforma veciñal Monfero Di Non, Plademar Muros-Noia, Ecoloxistas en Acción Lugo, Plataforma Salvemos O Iribio, Asociación en Defensa da Costa da Morte (Adecom), Plataforma Mina de Touro Non.

Lembran que o proxecto eólico está a exposición pública ata o 22 de abril deste ano, e por exempo, dende Petón do Lobo ofrecen un modelo de alegacións.

Razóns contra o parque

Lembran a importancia da arqueoloxía da paisaxe no Monte Neme, xa que este monte está na liña visual directa con outros como o Monte Perrol ou o Pico de Meda. Ademais, está rodeao por 4 castros: o Castro de Oza, Castro do Rodo, Castro de Cances e Castro de Brión.

+

 

Ademais, as instalacións afectan directamente a cauces como a Fonte Seca, orixe do rego Bandeira, onde se atoparon restos cerámicos e a sonada “arracada” de Cances, unha xoia de ouro galaica da Idade de Ferro.

Pero ademáis o Monte Neme é un dos 74 xacementos romanos da costa ártabra nunca intervidos desde o punto de vista arqueolóxico. Así o confirma unha tese doutoral do ano 2019 de María Josefa Loira Enriquez sobre “O proceso de romanización do antigo territorio dos ártabros: formas de poboamento e organización territorial ao longo do periodo romano”.

Ademais do valor patrimonial, o Monte Neme é un excelente mirador ao Atlántico, desde onde se observa todo o municipio de Malpica e boa parte de Carballo. Por iso o impacto paisaxístico dos macroeólicos previstos por Endesa será brutal para unha comarca que vive do turismo e da paisaxe. Carballo, que se vende turísticamente como “Senda do Mar” xa pode chamarse agora “Senda dos Eólicos”.

Novas relacionadas

Novas sobre eólicos

Comentarios