A Xunta confirma que o 30% de Galicia quedará afectada polos eólicos
Seguramente non se decataba do impacto das súas declaracións, pero a conselleira de Medioambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, confirmou onte aos medios de comunicación que o 30% do territorio quedará afectado por xeradores de enerxía. Unhas declaracións que chegan no marco das continuas mobilizacións en toda Galicia contra a invasión eólica, recollidas pola televisión pública galega dun xeito absolutamente partidista en favor do goberno autonómico, sen prestar atención ás demandas da veciñanza.
É a coordinadora de plataformas veciñais Aldeas Libres de Macroeólicos a que lanza esta mensaxe de denuncia, co apoio de entidades como o colectivo Quijote de Outes, APEOM, Fonte Seca de A Baña ou ADECOM Costa da Morte. Entidades que esixen que “a moratoria inclúa os centos de proxectos en trámite e non só a solicitudes de 2022.
A Conselleira facía referencia á “sensatez” para analizar a situación, alegando que o goberno da Xunta segue as instrucións de Europa, pero esquecendo que Galicia xa duplicaba en 2019 a taxa de enerxías renovables que marca a Unión Europea para 2030, e que actualmente Galicia xa xera enerxía eólica para exportar cos actuais parques.
Un informe de Red Eléctrica Española recolle de feito que Galicia é a segunda comunidade do estado en produción de enerxía eólica (e renovable), só por detrás de León, e que o 75% da enerxía xerada en Galicia é renovable (eólica e a hidráulica na súa meirande parte).
A coordinadora lembra á Xunta de Galicia a “súa responsabilidade na protección do patrimonio natural galego”, conscientes de que “o plan sectorial actual a desfeita das nosas paraxes suporá, ademais da perda de riqueza e benestar para os galegos e galegas, o borrado dunha gran sinal de identidade da nosa Comunidade”.
Vai máis aló e denuncian que “Galicia se sacrificará para responder ás necesidades enerxéticas de Europa en beneficio das grandes compañías produtoras, xa que actualmente na nosa terra xa se produce máis enerxía da que precisamos e a compensación polos danos das empresas que explotan o territorio é insignificante”.
NOVAS SOBRE OS EÓLICOS
- 11-12-21: Coristanco e o Monte Pindo berraron o "Eólicos Así NON”.
- 05-12-21: O rural sae á rúa en Sta Comba contra a invasión eólica.
- INFORME: O novo impulso eólico propón máis de 40 novos proxectos na Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.
- Setembro 2021: A veciñanza da comarca, contra os macroélicos e as inclemencias do tempo.
- Setembro 2021: Santa Comba acolle o primeiro encontro intermunicipal sobre o modelo enerxético e o medio rural .